O prazo da convocatoria da segunda liña de axudas está aberto ata o 28 de marzo
Seis empresas socias de Clusaga, apoiadas polo proxecto Highfive na súa transición verde e dixital
O Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), en liña co seu obxectivo de acompañar ás empresas na transición verde e dixital, participa no proxecto europeo Highfive, unha iniciativa que comparte esta meta e busca acadala a través de investimentos interrexionais en innovación.
Tras un ano de actividade desta iniciativa, un total de seis organizacións socias de Clusaga contan con apoio económico de Highfive para impulsar accións de dixitalización e sustentabilidade.
Este apoio provén de dúas convocatorias de axudas. A primeira delas ten o obxectivo de impulsar a aparición de novas cadeas de valor interrexionais e intersectoriais a través da twin transition verde e dixital, e da Industria 5.0. A segunda convocatoria desta liña está aberta dende mediados de xaneiro e aceptará propostas ata o vindeiro 28 de marzo.
O consorcio de Highfive recibiu, na súa primeira convocatoria, 58 propostas de empresas de 26 rexións europeas, das cales 7 foron de empresas galegas. Como resultado, 9 proxectos de innovación procedentes de 5 rexións diferentes foron seleccionados para recibir financiación, sendo 2 deles galegos.
O primeiro destes proxectos está a ser implementado por Queizuar, en colaboración con Anfaco-Cecopesca, que está a aplicar nas súas instalacións sensórica avanzada para a monitorización continua de parámetros de calidade en soro lácteo, para así optimizar o proceso de valorización.
O segundo proxecto escollido foi o de Glaücor Ingeniería que, coa colaboración de Aotech Optical Technologies, está a traballar en sistemas continuos de medición da humidade en manteiga a través de NIRS, para así automatizar o proceso de dosificación de auga.
Por outra banda, Highfive levou a cabo un proceso de ampliación de consorcio o que permitiu a Quescrem e TripleAlpha incorporar unha das súas iniciativas, que permite optimizar os procesos de fabricación mediante intelixencia artificial.