O programa Investigo destina 4,8 millóns de euros
As empresas poderán solicitar axudas para contratar desempregados para actividades de I+D+i
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este martes a terceira edición da convocatoria de axudas do programa Investigo, que destina 4,8 millóns de euros á contratación de mozos desempregados en actividades de I+D+i.
Mediante esta liña de axudas, apoiarase a contratación de persoas menores de 30 anos desempregadas en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBTs), así como calquera outra, radicada en Galicia, que desenvolva a súa actividade no eido do I+D+i.
As achegas oscilarán entre os 22.000 e 33.000 euros por persoa, cubrindo os custos laborais e salariais. Os contratos obxecto da subvención teñen que ter carácter indefinido e unha duración mínima de 12 meses a xornada completa.
O programa Investigo prioriza como ocupacións para os traballadores mozos as relacionadas coa transición ecolóxica, a economía verde -enerxías renovables, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria- e a dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science.
Con esta medida, a Administración autonómica busca fomentar a inserción laboral das persoas mozas no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación, mellorando a súa cualificación e outorgándolles a posibilidade de desenvolverse profesionalmente en ocupacións con alta demanda. Na convocatoria do 2022 e 2023, ao redor do 50% das persoas participantes no programa continúan a traballar nas empresas contratantes.
O prazo de solicitude para as empresas e entidades interesadas abrirase este mércores e permanecerá aberto ata o próximo 6 de marzo.