Investirá 85.000 euros na adaptación da compañía aos novos retos da industria
Real Conservera Española, exemplo de aposta pola innovación
A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Agustín Reguera, visitaron esta martes a empresa conserveira Real Conservera Española, en Cambados, para coñecer o plan de innovación que están a implementar a través do programa InnovaPeme da Xunta de Galicia.
Mediante este plan de innovación, a empresa cambadesa persegue incrementar a súa competitividade nos mercados exteriores e optimizar os procesos produtivos.
Para iso, no período 2023-2024 a peme conserveira investirá preto de 85.000 euros na adaptación da compañía aos novos retos da industria, co obxectivo último de achegar valor tanto aos procesos como aos produtos a través da innovación.
En concreto, sistematizará internamente a innovación, coa creación dunha coordinación e un sistema de vixilancia tecnolóxica e intensificará o plan de formación da empresa incluíndo contidos específicos en xestión da innovación.
Real Conservera Española foi unha das vinte empresas beneficiarias de “Traza o camiño”, un servizo de diagnóstico da madurez dixital e de elaboración de plans de dixitalización individuais para pemes do sector primario galego prestado polo hub de innovación dixital DataLife no marco do proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA).
Este proxecto, no que participa como socia a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), ten como obxectivo crear un ecosistema plurirrexional para a agrodixitalización a través dos hubs de innovación dixital.