Foron dous obradoiros que proporcionaron formación e ferramentas en innovación
A divulgación da innovación no tecido empresarial, un dos piares de Conecta Ourense
A Confederación Empresarial de Ourense (CEO), a través de Conecta Ourense, organizou dúas actividades para fomentar a capacidade innovadora e o potencial das pemes ourensás.
Este é un dos obxectivos cos que naceu Conecta Ourense, iniciativa da Confederación apoiada pola Xunta a través da Axencia Galega de Innovación (Gain) que desenvolve obradoiros, sesións, conferencias, foros e xornadas con contido relacionado coa innovación, os métodos para levala a cabo ou as axudas dispoñibles para implantala nas empresas.
Con esta iniciativa, celebrouse un ciclo de dous talleres sobre Xestión da Innovación nas pemes coa colaboración do GDR 10 Limia- Arnoia, e conducidos por Ángel Alba, experto en innovación con dúas décadas de experiencia. Os obradoiros fixeron fincapé na enorme importancia da innovación en pemes e autónomos nos tempos actuais, e tamén na provisión de ferramentas para levala a cabo.
Plan de Innovación nunha semana e o ADN innovador
A primeira sesión, celebrada en Allariz, desenvolveu as ferramentas para deseñar un 'Plan de Innovación nunha semana'. A sesión presencial completarase con asesoramento online durante a vindeira semana para, o día 14, celebrar unha sesión de peche na que se verán os resultados deste plan semanal para innovar.
O segundo obradoiro, titulado 'Construíndo o ADN innovador ' e celebrado na sede da CEO, contou tamén coa presenza da técnico da área de Servizos de Gaina, Elena Polo, e a presidenta da CEO, Marisol Nóvoa, quen destacou o momento actual como o acertado para innovar “sen importar o sector, o tamaño ou a actividade, porque a innovación é adaptable e céntrase en explorar as oportunidades, probar, investigar e acadar resultados e, desde o inicio de Conecta Ourense o noso obxectivo final é conseguir na nosa provincia un tecido empresarial máis innovador”.
Estes obradoiros de innovación súmanse á extensa oferta de actividades da iniciativa Conecta Ourense da CEO que desde hai case dous anos desenvólvense para detectar o potencial innovador das pemes da provincia, e tamén para fomentar solucións innovadoras nos seus procesos e produtos e axudalas a conseguilo.