Grazas a unha axuda da Xunta para centros e unidades de I+D+i
O CITIC reforzará as súas capacidades en intelixencia artificial
Estas novas instalacións do CITIC terán o obxectivo de apoiar as liñas estratéxicas do centro e crear un espazo para fomentar a investigación multidisciplinar. Desta forma, promoverase o posicionamento do CITIC principalmente nas áreas de saúde, industria 4.0 e sustentabilidade.
O laboratorio estará equipado con instrumentación e tecnoloxías únicas de recollida e sensorización de datos que permitirá a reprodución de experimentos en diferentes escenarios. Nesta sala situarase un sistema de captura de movemento en todo o espazo con balizas portátiles, un espazo de experimentación con sistemas de realidade virtual inmersiva e realidade aumentada, un sistema para a detección de magnitudes físicas ambientais, obxectos e persoas, sistemas de visión para supervisar obxectos en movemento, un sistema de sensorización de edificios intelixentes e sostibles, unha plataforma in-cloud para a xestión, automatización e control industrial para o desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial e ciencia de datos na industria 4.0., así como diferentes investimentos en robótica.
O traballo do CITIC no eido da saúde
No ámbito da saúde, o CITIC conta cun importante posicionamento, que se viu recentemente reforzado coa invitación ao director do centro, Manuel F. González Penedo, e ao investigador Alejandro Pazos, por parte da Fundación Profesor Novoa Santos, o INIBIC e a Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña, a coordinar dous módulos sobre intelixencia artificial no Programa de Formación en Competencias Dixitais en Saúde para residentes. Estes módulos formativos estarán impartidos por investigadores do CITIC.
Ademais, tamén dende o CITIC continúan desenvolvéndose proxectos de investigación en relación á covid-19, como son "CEDCOVID", enfocado ao uso da ciencia de datos para a loita contra a pandemia; o proxecto "Intelixencia artificial vs. COVID-19", que aplica a IA para mellorar a detección, avaliación e seguimento dos enfermos de covid-19 a partir da información obtida de probas microbiolóxicas e de imaxe radiolóxica; e o proxecto "Predición da estrutura de proteínas de SARS-CoV-2 con técnicas de Intelixencia Artificial", que emprega algoritmos de busca do campo da computación evolutiva para determinar a estrutura dos diferentes compoñentes proteicos do SARS-CoV-2. Tamén é destacable a participación en "COVIDBENS", desenvolvido en colaboración co INIBIC, o CICA e a empresa Edar Bens para a análise da carga viral nas augas residuais na área metropolitana da Coruña.