Con sete liñas de investigación
O CITIC da UDC liderará o maior proxecto de investigación do INE para mellorar a función estatística
O Instituto Nacional de Estatística (INE) vén de conceder ao Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña unha axuda de case 650.000 euros para a realización dun proxecto de investigación científica, desenvolvemento e innovación tecnolóxica co obxecto de mellorar a función estatística oficial.
O CITIC contará para a posta en marcha deste proxecto cun equipo liderado polo investigador Ricardo Cao Abad que estará formado por 19 investigadores especializados en estatística, Intelixencia Artificial e bases de datos aos que sumarán outros sete científicos que se contratarán para a realización deste importante proxecto que contará tamén con investigadores do IGE e a Universitè de Genève.
O do CITIC foi un dos catro únicos proxectos concedidos polo INE en toda España dun total de 13 solicitudes presentadas e ademais é o que vai recibir unha maior contía, concretamente máis da metade do orzamento total: 650.000 euros de case 1 millón de euros da convocatoria. A Universidade Miguel Hernández de Elche, a Universidade Politécnica de Madrid e a Universidadede Granada son os outros tres centros que xunto co CITIC levarán a cabo as investigacións científicas para mellorar a función estatística xeral.
Sete liñas de investigación
As liñas que abordará o CITIC son sete. Así, traballará na codificación de respostas abertas en enquisas poboacionais. Tamén en series temporais económicas de longa duración no tempo, a publicación e uso de datos abertos enlazados (linked open data), así como a estimación en pequenas áreas para o uso de información auxiliar na desagregación de enquisas.
Outra das liñas de investigación na que se traballará desde o centro de investigación coruñés será a utilización de información pública na web para determinar características de empresas relativas á innovación e/o a sociedade da información. O obxectivo desta liña de investigación é a análise e desenvolvemento de métodos de aprendizaxe automática (machine learning) que permitan recoller información dispoñible en diferentes webs públicas relativas a variables sobre cuestións referidas á innovación nas empresas.
O uso de información de pagos con tarxetas bancarias para repartir o gasto dos turistas e excursionistas non residentes asignado ás comunidades autónomas entre todas as comunidades que se visitaron e o cálculo de imputacións en índices de cifra de negocio na industria mediante o uso de técnicas de machine learning completan a lista de investigacións que vai asumir o equipo de investigación do CITIC entre os anos 2023 e 2026.