A convocatoria ábrese este xoves 9 de febreiro
CEO e Gain animan ás pemes ourensás a solicitar os Bonos de innovación
A presidenta da Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Marisol Nóvoa, abriu o acto suliñando que "a CEO está a carón das empresas da provincia para axudalas nestes procesos de identificar o potencial innovador e tramitar as axudas máis axeitadas para cada caso".
A continuación, a directora da Axencia Galega de Innovación (Gain) Patricia Argerey, destacou que este xoves está prevista a publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) dunha nova convocatoria dos Bonos de innovación que contan cun orzamento de 750.000 euros, cos que se prevé mobilizar más dun millón, co obxectivo de impulsar os primeiros pasos para innovar nas microempresas e pemes. Con este instrumento, a Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación trata de apoiar, especialmente, as empresas que incorporan por primeira vez a innovación na súa estratexia, a través da contratación de servizos externos de axentes innovadores para conseguir un salto cualitativo e cuantitativo na súa actividade de I+D+i a curto prazo.
Como principais novidades nesta convocatoria, amplíanse os posibles beneficiarios ás entidades do terceiro sector, sempre que teñan actividade económica, e amplíanse as actividades obxecto de axuda, incluíndo actuacións de deseño ou as bonificacións de persoal investigador. Para axilizar a tramitación apóstase por unha maior simplificación administrativa e o prazo de solicitude é de dous meses. Por último, as entidades localizadas nos Concellos Emprendedores contarán con puntuación adicional segundo os criterios de baremación.
38 instrumentos de apoio
En total, o Mapa conxunto de axudas da Xunta de Galicia á I+D+i inclúe 38 instrumentos de apoio de seis consellerías a través dos que se prevé mobilizar en 2023 preto de 400 millóns de euros. Este mapa é o resultado do traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i da Xunta de Galicia, un órgano creado no ano 2021 co obxectivo de potenciar a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade en materia de I+D+i. Os apoios recollidos neste mapa, vertebrados en base ás prioridades da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, cobren todas as etapas e axentes da I+D+i: desde o emprendemento e a innovación empresarial, ata a contratación de persoal para realizar tarefas de I+D+i, pasando pola proxección exterior e a internacionalización, a colaboración entre axentes e o fortalecemento dos centros tecnolóxicos e de coñecemento.
No evento celebrado en Ourense explicáronse as axudas das distintas consellerías da Xunta de Galicia dirixidas a autónomos e pequenas e medianas empresas e expuxéronse casos de éxito de empresas que foron capaces de mellorar a súa competitividade a través destes incentivos da Xunta de Galicia. Así, participaron Academia Trinidad, especializada en prestar servizos TIC de consultoría e formación; Humara, que traballa na dixitalización da industria da reciclaxe e do tratamento de residuos; e Sertogal, empresa de enxeñaría e topografía.
Próximas xornadas
Esta xornada, que se enmarca no ciclo de Networkings Galicia Empresa organizados pola Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, terá continuidade con cadansúa xornada nas distintas provincias, en colaboración coas respectivas confederacións empresariais. En concreto, os seguintes networkings terán lugar o 17 de febreiro en Vigo; o 22 de febreiro en Lugo e, finalmente, o 28 de febreiro na Coruña.
Así mesmo, está prevista a celebración de diferentes xornadas sectoriais na sede da Axencia Galega de Innovación en Santiago e en liña nas seguintes datas: 2 de marzo centrada en “A innovación social como panca do benestar da sociedade galega”; 8 de marzo, “A innovación no sector primario, transformando os recursos en competitividade”; 15 de marzo, “O valor da función loxística e as enxeñarías na innovación empresarial” e o 22 de marzo, “O futuro da minaría, a enerxía e a construción sostible a través da innovación”.