Nun obradoiro práctico en Chantada o 17 de marzo
A CEL diagnosticará as necesidades de innovación de 10 pemes e emprendedores
Este obradoiro será práctico e intensivo, de 17 a 19 horas, polo que a asistencia está limitada a 10 pequenas ou medianas empresas e/ou emprendedores, preferentemente dos sectores vitivinícola, agraolimentario ou turístico. Está prevista a participación de Francisco Conde, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.
As empresas accederán, a través de este obradoiro, a unha diagnose de necesidades de innovación: cada participante poderá expor a problemática que atopa no seu día a día, realizándose unha DAFO estratéxica de cada caso para analizar as situación particular de partida. Trala diagnose, analizaranse as solucións innovadoras de maior interese para cada empresa e proporase un itinerario individualizado de actuacións para a súa aplicación.
O obradoiro, gratuito, terá lugar no Telecentro de Chantada. Os interesados aínda poden inscribirse na sede da CEL, chamando ao 982 231 150.
Conecta Lugo
Conecta Lugo é un programa de tutelaxe e asesoramento posto en marcha pola CEL co apoio da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación e o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape. Busca unha mellora no acceso das pemes lucenses, en especial as ubicadas no rural, ás axudas para modernización, innovación ou mellora da competitividade, habilitadas pola Administración galega.