Os sindicatos alertan dos efectos da crise da covid-19
A Xunta salienta a suba de afiliacións á Seguridade Social en agosto
A respecto dos datos de paro e afiliacións coñecidos este mércores, a secretaria xeral de Emprego da Xunta de Galicia, Covadonga Toca, destacou, dunha banda, que o paro sobe lixeiramente como ocorre coa media estatal (un 0,94% e un 0,79%, respectivamente), e doutra, que as afiliacións á Seguridade Social volven medrar por cuarto mes consecutivo (entre maio e agosto) e permiten recuperar o emprego perdido nos meses de marzo e abril.
Así, tendo en conta as afiliacións medias, Galicia suma en agosto 7.126 cotizantes máis (+0,71%) ata chegar a 1.012.794 afiliados, o que se traduce en 230 afiliacións ao día. A Comunidade sitúase, deste xeito, como a segunda na que máis medran as afiliacións en termos absolutos. Trátase do cuarto mes consecutivo no que a Comunidade logra crear emprego, o que lle permite recuperar a totalidade do emprego perdido durante os meses de marzo e abril (+101,17%), salientan desde a Secretaría Xeral de Emprego. Se a comparativa se realiza coas afiliacións do último día de mes, esta recuperación sitúase no 82,83% fronte ao 22,08% estatal, o que amosa a capacidade de reacción da nosa Comunidade.
No tocante á evolución anual do desemprego, Toca indicou que Galicia encadeaba seis anos consecutivos de baixadas interanuais nun mes de agosto, que se ven interrompidos polos efectos da covid-19. Así, Galicia suma 23.131 persoas máis desempregadas, 7 de cada 10 do sector servizos, onde se concentran 16.375 desempregados. Aínda así, nun contexto no que o paro internanual aumenta en todas as comunidades autónomas, Galicia é a terceira en termos relativos na que menos sobe, nove puntos por debaixo da media estatal, que se sitúa nun 24,04%.
Valoración de Comisións Obreiras
Desde CCOO apunta á precariedade e a intensa rotación no emprego como explicación ao que pasa no mercado laboral galego, o que se pon de manifesto -explican desde o sindicato- no feito de que se formalizasen 64.399 contratos para esa cifra de afiliación (7.126 afiliados máis). Noutras palabras, no último mes fixéronse nove contratos por cada alta na Seguridade Social.
Ademais, o dato da contratación é un 25% inferior ao do mes anterior e un 31% menor ca hai un ano. "Isto é moi preocupante", sinala a secretaria de Emprego e Previsión Social de CCOO, Maica Bouza, porque "evidencia a finalización da contratación de temporada e a minoración da actividade económica". Se a isto se engade a situación sanitaria, con novos gromos non controlados, "atopámonos coa necesidade urxente de medidas de estímulo á actividade, de mantemento do emprego e de apoio á conciliación da vida laboral, familiar e persoal". Por esta razón, Bouza urxe a Xunta a implementar un plan de recuperación económica e social para que Galicia recupere a actividade e o emprego perdido por causa da pandemia.
CCOO tamén salienta que no mes de xullo 150.718 galegos percibiron algún tipo de prestación por desemprego, 99 517 unha prestación contributiva e o resto, 51.201, subsidios. Unha parte importante das prestacións contributivas segue correspondendo ao mecanismo dos ERTE, "garantía de mantemento de emprego aprobado polo Goberno central, cuxas prórrogas se pactaron cos axentes sociais", explica Bouza. Ao rematar o mes de agosto, 31 348 traballadores e traballadoras seguían aínda nun ERTE.
UGT Galicia
Para UGT-Galicia, pola súa banda, os datos de desemprego rexistrado publicados polo Ministerio de Traballo mostran a magnitude dos efectos da crise sanitaria provocada pola covid-19 no emprego e na economía, en xeral, truncando a tímida recuperación, nun mes que é, tradicionalmente, bó para o emprego.
Para que se poida crear emprego é preciso frear a pandemia e asegurar a reincorporación dos traballadores e traballadoras con seguridade, evitando así un novo desplome da actividade ademáis de prolongar os ERTEs e estender a protección aos parados sen ingresos e pagar xa as prestacións do IMV (ingreso mínimo vital) e das empregadas do fogar.
UGT-Galicia insiste en reivindicar o inicio do Diálogo Social para establecer un plan de choque polo emprego de calidade para unha reconstrución social xusta e cambiar a lexislación laboral para primar o emprego indefinido e con dereitos, derrogando as reformas laborais.
Desempregados sen prestación
Finalmente, desde a CIG saliéntase que máis do 62% das persoas que están sen traballar (no desemprego ou en ERTE) non perciben ningunha prestación, tal e como se desprende dos datos do SEPE. Das 395.709 persoas nesta situación, unicamente 150.178 ingresaban algunha prestación a finais de xullo.
Ademais do incremento do desemprego, a central sindical alerta da mala calidade do emprego que se xera, xa que o 92% dos contratos subscritos en agosto foron temporais. Asemade, as mulleres son de novo o colectivo máis afectado polo incremento do desemprego, tal e como vén acontecendo dende o inicio da pandemia. Dende entón o paro incrementouse entre as mulleres o dobre que entre os homes, tendencia que se agudizou no último mes, destacan desde a CIG.
Diante deste contexto, dende a Secretaría de Emprego e Industria da CIG inciden na urxencia de derrogar a reforma laboral, pero tamén na necesidade de que como galegos e galegas teñamos capacidade para controlar os nosos recursos e poidamos desenvolver e aproveitar as nosas múltiples capacidades produtivas: enerxía, recursos minerais, riqueza forestal, sector primario, etc. “Temos que pechar os ciclos produtivos no país para poñer a economía ao servizo da maioría social, creando emprego de calidade que nos permita vivir dignamente na nosa terra”, sinala o secretario cofederal de Emprego e Industria, Fran Cartelle.