Xunta, CIG, CCOO e UGT-Galicia valoran os datos do paro en decembro
Na evolución anual, Lado sinalou que a caída do desemprego en 37.003 persoas (-19,52%) e o maior descenso desde 1996, tanto en termos relativos como absolutos, unha caída que, segundo subliñou, permite a Galicia acumular nove meses consecutivos de baixada do paro. O desemprego con respecto a decembro de 2020 descendeu nas principais variables; nas catro provincias galegas e nas sete grandes cidades; en todos os sectores económicos; nos parados de longa duración; e en todas as franxas de idade. De feito, a cifra de mulleres desempregadas (87.841) é a máis baixa de toda a serie histórica de datos (maio 2005) e o número de menores de 30 anos en paro (17.749) sitúase como a menor nun mes de decembro, tamén desde maio de 2005.
Con respecto ás afiliacións, Galicia segue a superar o millón situándose a cifra, 1.032.784, a un nivel superior ao reflectido hai doce anos. As cotizacións crecen no último ano nun 3,06%, é dicir, hai 30.624 afiliacións máis. A contratación, na evolución anual, aumentou de xeito xeral, nun 26,87%, crecendo a maior ritmo que no Estado (+24,09%). Na comunidade galega tamén medrou a contratación indefinida máis que a temporal e creceu a contratación a tempo completo.
A a directora xeral de Formación e Colocación apuntou a boa evolución do mercado laboral de Galicia pese á pandemia e puxo en valor o impulso que está a dar o Goberno galego á creación de emprego. Neste senso, lembrou que no último mes do ano aprobáronse por valor de 51,6 millóns de euros diversas liñas de axudas para “seguir ao carón dos que máis o precisan para atopar ou manter o seu emprego”.
Valoración da CIG
Non obstante, desde a CIG entenden que o mercado laboral galego continúa a amosar un comportamento alarmante, "até o punto de que o noso país rematou o ano cunha caída da afiliación á Seguridade Social do 0,26% -cando no conxunto do Estado medrou un 0,3%- e cunha baixada do paro moi por debaixo da media estatal (un 0,11% fronte ao 2,41%)", sinala o sindicato nun comunicado.
Ademais, a baixada do paro produciuse só entre as mulleres (un 1,61%), mentres que entre os homes medrou un 2%. Ao mesmo tempo, atopámonos novamente que o descenso tivo lugar no sector servizos e no colectivo de persoas sen emprego anterior, xa que no resto dos sectores aumentou o desemprego. Por idades, baixou entre as persoas menores de 29 anos e aumentou no resto da poboación.
No que atinxe á contratación, rexistráronse 72.914 contratos, dos que tan só o 9,5% foi baixo algunha modalidade de contratación indefinida, o que evidencia a estacionalidade e temporalidade do emprego creado neste período. Polo tanto, o feito de que descendese o paro unicamente entre as mulleres, no sector servizos e en menores de 29 anos e que a contratación fose maioritariamente temporal amosa que se tratou de empregos vinculados coa campaña de Nadal.
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Emprego e Industria da CIG, Paco Sío, fai fincapé precisamente neste comportamento tan negativo que está a ter mes a mes a evolución tanto do paro como da afiliación á Seguridade Social en Galiza. Unha evolución que para o sindicalista ten que ver co feito de que a reforma laboral de 2012 se estea a aplicar con maior dureza, “aumentando a precariedade e impedindo a creación de emprego en sectores estratéxicos como o industrial”. Sío incide en que a campaña de Nadal non é suficiente para mudar esta tendencia, “o que demostra a febleza do noso mercado laboral”.
Comisións Obreiras
Comisións Obreiras resalta que os datos do paro coñecidos este martes indican que o paro rexistrado diminuíu en Galicia en só 163 persoas, un 0,11 %, porcentaxe 22 veces inferior á media do Estado (2,41 %). As cifras debuxan un mercado laboral galego en situación peor ca no promedio estatal, indican desde o Sindicato Nacional de CCOO de Galicia. De feito, malia á redución do paro rexistrado, os datos de media mensual das afiliacións á Seguridade Social indican que se perde emprego mentres en España se crea.
En concreto, apunta o comunicado de CCOO, no último día de decembro reduciuse a afiliación en 11.237 persoas (-1,09 %) respecto ao mesmo período do mes anterior, unha perda nove vece por riba do dato estatal (-0,12 %). En canto á variación da media mensual das afiliacións, hai unha diminución de 2.714 persoas (-0,26 %), mentres que no Estado aumenta tres puntos (+3,06 %).
O groso do desemprego constitúeno as mulleres (seis de cada dez persoas paradas), ao tempo que a mocidade representa unha porcentaxe notable da poboación desempregada (máis de seis mil persoas desempregadas son menores de 25 anos). Asemade, emprego creado ten data de caducidade no momento de se rexistrar o contrato (nove de cada dez contratos son temporais).
Malia a mala dinámica e aos peores datos respecto do conxunto do Estado, os datos tamén indican que Galicia conseguiu situarse en niveis previos á pandemia, con 152.584 persoas desempregadas ao remate do mes de decembro, un 19,52% menos ca no mesmo mes do ano anterior.
Para a secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, estas cifras deberían "motivar unha reflexión" por parte da Xunta, pois a normativa laboral básica é a mesma en Galicia ca en España. Neste punto, a sindicalista salienta a importancia da reforma pactada entre CCOO, UGT, a patronal e o Goberno do Estado para, entre outras cousas, "reducir a precariedade estrutural" que prexudica especialmente ás mulleres traballadoras e á mocidade galega.
UGT Galicia
UGT-Galicia considera positivos os datos feitos públicos polo Ministerio de Traballo e Economía Social, que entende responden a unha "evolucíon lóxica dos datos de desemprego no Nadal", pero insta a mellorar a calidade do emprego en 2022. Para iso, demanda aos grupos parlamentarios que apoien o acordo de reforma laboral, alcanzado polos sindicatos e os empresarios, para poñer fin á precariedade e temporalidade inxustificadas no mercado de traballo. O sindicato defende, ademais, que os salarios suban en consonancia co crecemento económico; esixe que o SMI se sitúe xa en 1.000 euros ao mes; e que o salario mínimo de convenio creza tamén neste novo ano ata os 1.100 euros.
Para este sindicato, os datos de paro de decembro "confirman unha vez máis a efectividade de levar a cabo políticas de impulso económico e de protección social e do emprego en momentos de adversidade económica". "A actual situación de incerteza, produto da difusión da variante Ómicron do virus, demanda seguir profundando nestas medidas a fin de que se fortaleza a actual etapa de expansión económica e os seus froitos acaben redundando positivamente no maior número de persoas posible. Neste aspecto, o recente acordo sobre a reforma laboral xogará un papel moi importante ao situar ao emprego estable e de calidade como un dos principais piares sobre os que apoiar a recuperación económica", resalta o comunicado de UGT-Galicia.