Análise do GALP Ría de Pontevedra
Radiografía do impacto do covid-19 no sector marisqueiro e pesqueiro
O Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra púxose en contacto con representantes do sector da súa área de influencia para coñecer como están a vivir a corentena. A radiografía da situación na ría de Pontevedra conta coas achegas do patrón maior de Portonovo, Juan José Besada; da patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez; da presidenta da Cooperativa do Mar San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez Piedras; e do secretario da confraría de Bueu, José Barreiro.
En Galicia a pesca ten un peso relevante na actividade económica. A súa importancia non só reside nos traballos directos que crea senón tamén en todas as actividades económicas vinculadas a ela. O sector, esencial como provedor de alimentos de primeira necesidade, segue a traballar nunhas condicións que nin garanten a seguridade das persoas nin os soldos, salientan desde o GALP Ría de Pontevedra. Aos problemas para aplicar as medidas de seguridade e protección ante o Covid 19 nos barcos hai que sumarlle a caída dos prezos en primeira venta que fai que non compense economicamente asumir os riscos. Ademais, a falta de concreción das axudas anunciadas desde o goberno mantén ao sector en alerta, sumando razóns para amarrar.
Caída de prezos
“Os prezos son horribles, historicamente nunca se viron prezos como estes. É unha barbaridade. Os máis maiores non recordan prezos tan baixos sobre todo no peixe fino. O rape, o rodaballo, o linguado; non teñen saída porque son de restaurante e estes están pechados”, explica a presidenta da cooperativa San Miguel de Marín, Beatriz Vázquez. A súa valoración corrobórana os demais entrevistados polo Departamento de Comunicación do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro Ría de Pontevedra. O patrón maior de Portonovo, Juan José Besada, asevera que xamais viran unha caída tan brutal de prezos e que hai xénero que non atopa saída porque “ninguén compra agora mesmo un rodaballo a 30 ou 40 euros quilo porque non están os tempos para comprar esas cousas”.
Todos coinciden en que, desde que se decretou o estado de alarma no noso país, as vendas de peixe e marisco descenderon, así como tamén descenderon as cotizacións en lonxa. A patroa maior de Lourizán, María del Carmen Vázquez, fala con gran preocupación de que entre as marisqueiras “os ánimos están moi baixos porque no marisqueo vívese día a día e van a ser meses fastidiados”. Dentro do sector, o marisqueiro é o que se leva a peor parte, trátase de produtos que teñen que comercializarse rapidamente, que en moitos casos non son conxelables e que non son considerados polos consumidores como artigos de primeira necesidade. Ademais, tradicionalmente a meirande parte dos produtos do marisqueo estaban destinados á restauración pero con esta pechada estase a perder o produto. En Lourizán pecharon o marisqueo a flote e a pé na terceira semana de marzo. Desde a confraría estase pedindo o cese de actividade pero os requirimentos para poder facelo son complexos. Ademais, como explica Vázquez “hai xente que está indo ao mar para outro tipo de artes. O mar non está pechado ao 100%, están sectores pechados”.
O peche do canal Horeca desestabilizou por completo ao sector pesqueiro e marisqueiro porque hai especies que non atopan saída nas lonxas. “O impacto é especialmente forte no sector marisqueiro” asegura o secretario da confraría de Bueu, José Barreiro. “Hai sectores que aínda categorizados como primeira necesidade realmente non existe demanda para eses produtos, falo de bivalvos, percebes, ourizos, navallas... Non hai quen compre porque gran parte dese volume ía para restauración. Se a restauración está pechada, a quen lle vendes?”.
Cómpre sinalar que este derrubamento nos prezos que soportan os extractores non se está a trasladar ao consumidor final, algo que pode incidir na intención de compra xa que moitas familias viron minguada a súa capacidade económica e a incerteza ante a duración da corentena retrae a compra de certos produtos. Para a responsable da cooperativa San Miguel neste momento “os que se lucran son os intermediarios porque compran o produto baratísimo e o consumidor o compra cos mesmos prezos de sempre. Eles non arriscan nada e seguen lucrándose. Unha vez máis somos os extractores os que máis arriscamos e os que máis perdemos”. Esta idea é compartida pola responsable do colectivo de marisqueiras de Lourizán, Vázquez é consciente de que nesta crise “hai certa picaresca” para tirar proveito da situación. “Non pode ser que a xente venda a prezo normal o recurso do mar e o compre a prezos de risa”, recalca.
O esforzo que o sector está a facer para manter o subministro de xénero fresco non ten o seu correspondente retorno económico polo que o peche do sector non parece de todo imposible.
As prazas de abastos e os consumidores
“Agora é difícil que a xente vaia a praza” explica o patrón maior de Portonovo Juan José Besada. “As prazas son espazos para socializar, falar, mirar o peixe, tocalo, e agora iso non o podemos facer”. Entende que para as persoas consumidoras sexa “moito máis sinxelo ir a un supermercado e coller o primeiro conxelado que vexan e levalo para casa”.
Tras o decreto do estado de alarma o pasado 14 de marzo as prazas de abastos constatan pouco marisco mentres que o peixe non escasea, hai clientes fieis que acoden a comprar pero outros ou ben optan polos supermercados ou ben teñen problemas para acceder á praza como os que se reportaron nas prazas de Marín e Pontevedra onde as forzas de seguridade impedían o acceso aos clientes. Desde o GALP Ría de Pontevedra instan ás autoridades competentes a garantir o acceso das persoas consumidores ás prazas de abastos sempre seguindo as indicacións pertinentes en materia de prevención e seguridade ante o Covid-19
Para Barreiro en Bueu as prazas seguen sendo lugares de paso obrigado porque “hai especies ás que se lles está dando saída porque se consideran de consumo diario como pode ser a maragota, o abadexo, o choco”. Aclara que o prezo resentiuse pero que existe comprador para ese xénero. Na zona de Portonovo, o patrón maior tamén ve movemento no peixe do cerco -o peixe de valor máis alcanzable - pero os peixes caros (rodaballo, linguado, robaliza, robalo) “calquera cousa grande que ía para restaurantes agora non ten saída porque a xente non vai a praza a comprar estas cousas”, puntualiza.
Desde o sector trasladan a necesidade de que a poboación continúe a consumir peixe e marisco durante a corentena, non só xa polo que supón para o mantemento do emprego e da actividade económica do sector senón tamén por unha cuestión de saúde alimentaria.
A seguridade
Desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, a través da Secretaría Xeral de Pesca, así como desde a Consellería do Mar da Xunta de Galicia achegaron indicacións, recomendacións e pautas a seguir por parte de toda a cadea de valor do sector para facer unha correcta xestión na loita contra o Covid-19. Mais o sector responde que estas recomendacións para o desenvolvemento das actividades pesqueira e marisqueira non son realistas e non son compatibles coas características da actividade profesional. Para a presidenta da cooperativa San Miguel un dos problemas máis evidentes está en garantir que a tripulación do barco que sae a faenar está libre da enfermidade. “Tal vez deberíamos pedir que se fagan tests no porto”. A situación é delicada xa que “estamos falando de xente que vai pasar días no mar e que facemos se enferman alí?”, pregunta Vázquez Piedras sabendo que de momento non existe resposta.
O problema non son as máscaras e guantes asegura Besada, “o problema gordo que temos nos barcos é a distancia de seguridade” convencido de que “é imposible cumprila. Poñamos un barco de cerco dos pequenos que pode levar oito persoas e que ten sete metros de eslora, non se pode gardar a distancia de seguridade”. Nas lonxas a situación é diferente, o control é maior. Beatriz Vázquez explica que en Marín e Vigo vanse adaptando ás normas e que o máis problemático é regular o espazo “cústalles adaptarse a esa distancia de separación” pero “pouco a pouco vanse afacendo” e tamén ás medidas de “guantes e máscaras”. Na lonxa de Bueu non se permite que entre ninguén que non sexa directamente usuario “co cal limitamos o número de persoas e indícaselles que manteñan as distancias”, comenta Barreiro.
Neste contexto de incerteza, a lonxa da Coruña vén de suspender as poxas de capturas da flota de baixura e arrastre de litoral pasando a facerse a comercialización por vía telefónica ou telemática directamente coa casa de vendas. Trátase da primeira lonxa de España en adoptar unha medida tan restritiva para evitar aglomeracións. Na contorna da ría de Pontevedra existe unha alternativa de comercialización telemática: a web pescadoartesanal.com, unha plataforma de comercialización conxunta das lonxas da ría que serve de acceso anticipado ás descargas de peixe e marisco nas lonxas, así os clientes poden coñecer o produto diario e poxar por el sen ter que desprazarse. Tamén poden recibir alertas de dispoñibilidade de produto local a través dun SMS ou correo electrónica
Reivindicación do sector
Durante unha crise destas características os produtos do mar frescos son máis necesarios ca nunca non só por unha cuestión de saúde alimentaria senón tamén polo seu peso específico no mantemento da economía galega. Porén saír a faenar para fornecer de produto fresco, de calidade e sanitariamente seguro faise cada día máis complicado. Os homes e mulleres que conforman o sector acusan o desgaste de non saber nin se van vender nin canto lles van pagar nin se se van contaxiar. Toda resistencia ten un límite. Sen uns ingresos mínimos non lles quedará máis remedio que quedar en terra para non incorrer en perdas, salientan desde o GALP Ría de Pontevedra.
Todos os elos da cadea do sector están a padecer esta situación inédita chea de dúbidas e incertezas. Non esquezamos que nestes tempos podemos estar abastecidos de alimentos de calidade e sen problemas de subministracións grazas ao seu traballo e ao seu esforzo pero o sector ve como os seus ingresos minguan. Sen un repunte de prezos no horizonte máis dun pensa en amarrar porque non lles compensa seguir arriscándose, nin por eles, nin por nós.