Informe "Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas"
As mulleres galegas, sobrerrepresentadas en empregos con menor remuneración
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia vén de presentar un estudo titulado 'Mercado de traballo e coidados: a dobre xornada das mulleres galegas', que afonda sobre a segregación ocupacional e a fenda salarial e de xénero.
A secretaria de Muller e Igualdade de CCOO Galicia, Mamen Sabio, explicou que o informe ofrece indicadores obxectivos da situación social, económica e laboral das mulleres en Galicia, "co percorrido por varias áreas cun impacto de xénero determinante".
Segundo a sindicalista, o sistema establecido "continúa segregando" en función dos xéneros, sexos, etnias, xeracións e estratificación social "á hora de ofrecer oportunidades de acceso ao mercado laboral e, en consecuencia, ao sistema socioeconómico predominante".
Un exemplo: malia igualaren e ata superaren o nivel educativo dos homes, as mulleres seguen estando sobrerrepresentadas en empregos con menor remuneración e baixa produtividade. "Especialmente segregados están todos os sectores dedicados ao coidado doutras persoas, como a educación, a sanidade, os servizos sociais ou o emprego doméstico", apuntou Sabio.
Para a sindicalista, "a negociación colectiva e os plans de igualdade son a vía para conseguir mellores condicións laborais e eliminar as discriminacións entre homes e mulleres".
Fenda salarial
Segundo a Enquisa Anual de Estrutura Salarial (EES) do ano 2017 —últimos datos dispoñibles—, o salario medio das mulleres ese ano andaba arredor dos 18.833,53 euros e o dos homes, 24.321,64 euros. Isto supón unha diferenza bruta a favor do salario masculino de 5.488,11 euros. Na contratación temporal, a diferenza ou fenda salarial non foi tan forte pero, aínda así, as mulleres galegas cobraron no 2017 un 14,3 % menos ca os homes para este tipo de contratación.
Isto dáse incluso en sectores onde as mulleres son maioría, como no dos servizos, onde a a diferenza no salario anual entre mulleres e homes ascende a case o 28% a favor do salario masculino.
Maior precariedade laboral
Os diferentes indicadores analizados neste estudo evidencian que as mulleres están especialmente prexudicadas pola precariedade laboral. Por exemplo, a ocupación en xornadas completas supón o 57% no caso da poboación masculina, pero só o 43% no caso da feminina; ou a xornada parcial, onde as mulleres caparan o 75% desta modalidade. A xornada parcial non adoita ser elección da persoa traballadora e devén en situacións de precariedade laboral porque lastra o salario e empobrece as persoas e as súas familias. O 35% das persoas que traballan a xornada parcial porque non atopan traballo a xornada completa eran mulleres.
As cifras de paro tamén afectan máis ás mulleres: 79.500 mulleres paradas a finais do 2019, e medra con respecto ao 2018 en máis do 4 %. Os homes en paro foron 66.200.
Segregación laboral e dos coidados
Na categoría de ocupacións técnicas, científicas e profesionais é onde as mulleres se fan notar (58,8 %); pero son maioría nas ocupacións de empregos contables, administrativos e outros empregos de oficina (67,73 %).
Asemade, os coidados manifestan unha grande segregación de xénero. Segundo o informe de CCOO, o 87,9 % das persoas que nin teñen nin buscan emprego debido aresponsabilidades familiares son mulleres. Así mesmo, o 97% das persoas que traballan a xornada parcial por coidado de menores, persoas enfermas ou maiores, tamén son mulleres. Tamén está feminizado o dato referente ás excedencias laborais (máis do 78%).