A falta de corresponsibilidade no fogar é un dos principais factores
As lacras laborais seguen a ter rostro de muller
O Informe “8 de marzo” Día da Muller Traballadora, elaborado pola Secretaría de Igualdade da UGT – Galicia, denuncia a situación sociolaboral das mulleres galegas que ven marcada por unha menor actividade e ocupación, máis desemprego, segregación horizontal e vertical, e maior temporalidade, o que lastra a vida laboral das mulleres e as súas carreiras profesionais.
Segundo os datos da Enquisa de Poboación Activa do ano 2023 (media anual) do Instituto Galego de Estatística a poboación activa feminina é inferior á masculina en 35.600 persoas, cunha taxa de actividade do 49,5%, fronte ao 57,2% no caso dos homes. Isto supón unha diferenza de case 8 puntos e ser a segunda taxa de actividade feminina máis baixa do Estado (a media estatal sitúase no 54,4%).
Aínda que a principal causa da inactividade entre as mulleres, igual que no caso dos homes, é estar en situación de xubilación, a esta séguelle de preto a causa marcada como “labores da casa”. De feito, das 619.600 mulleres inactivas fronte a 480.700 homes, 144.900 son por “labores da casa” fronte a 21.400 homes que se atopan nesta situación.
Corresponsabilidade no fogar
As mulleres seguen a ser as que asumen, na maior parte dos casos, os coidados, o que as obriga, ou ben a renunciar a estar no mercado laboral ou a facelo en condicións máis limitadas para poder atender as dúas frontes.
Das persoas que teñen contrato a tempo parcial por responsabilidades familiares, 29.600 son mulleres e 11.600 homes.
A asunción das tarefas de coidados familiares por parte dos homes aumenta nos permisos retribuídos mentres que os permisos non retribuídos son maioritariamente femininos. Neste sentido, o 76,4% das reducións por garda legal e o 80,8% das excedencias son solicitadas por mulleres. No 2023, 1.607 excedencias foron solicitadas por mulleres fronte a 308 por homes.
Por todo isto, a falta de corresponsabilidade no fogar eríxese como un dos principais factores que lastran ás mulleres, frean o seu acceso ao mundo laboral e, cando están nel, merman as súas carreiras profesionais.
Taxa de emprego e taxa de paro
En Galicia, hai 548.400 mulleres ocupadas fronte a 590.500 homes, é dicir, 42.100 mulleres menos. Isto tradúcese nunha taxa de emprego masculina do 52,4% e de tan só o 44,5% no caso das mulleres, o que supón unha fenda de 7,9 puntos.
Ademais, as mulleres galega están 4,9 puntos por debaixo da taxa de actividade feminina media estatal.
No 2023, houbo 64.400 mulleres en situación de desemprego, fronte a 57.300 homes, sendo a taxa de paro feminina do 10,6% mentras que a masculina foi do 8,9%, unha diferencia de 1,7 puntos. Ademáis, as mulleres representan o 51,1% do desemprego de longa duración
Temporalidade
No 2023, a taxa de temporalidade foi do 19,5% entre as mulleres e do 13,6% entre os homes, polo que as mulleres seguen sendo, un ano máis, as que de forma maioritaria ocupan os empregos a tempo parcial, 116.700 mulleres (o 73% do total) fronte a 45.100 homes están ocupadas a tempo parcial.
Na ocupación a tempo completo a situación invértese, os homes ocupados a tempo completo son 542.900 (o 56,0% do total) fronte a 426.600 mulleres (o 44%), existindo unha diferenza de 116.300 mulleres ocupadas con xornada a tempo completo menos.
Aínda que a reforma laboral está a transformar o mercado laboral cara a estabilidade en ambos sexos, pasando dunha porcentaxe na contratación indefinida femenina do 9,8% no 2021 ao 32,5% no 2023, a fenda persiste xa que as mulleres asalariadas con contrato indefinido son o 48,2% do total.
Segregación horizontal e vertical
O 85,5% das mulleres ocupadas traballa no sector servizos, un 9,4% na industria, un 3,2% na agricultura, gandería, caza e silvicultura, un 1,2% na construción e un 0,7% na pesca e acuicultura.
Por outra banda, a segregación vertical mostra que tan só o 29,6% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 1,6% das mulleres ocupadas o están nestes postos. Outro dato relevante é que as mulleres tan só representan o 30,07% dos órganos de dirección das empresas do IBEX35.
Fenda salarial
A fenda salarial sitúase en Galicia no 19% conforme aos últimos datos coñecidos, sendo a diferenza retributiva anual entre homes e mulleres de 4.889,82 euros. Pese a que a mellora do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e a reforma laboral contribuíron a disminuír estas diferencias, o camiño por andar aínda é arduo e longo.
Por outra banda, a igual formación, os homes acadan sempre maiores taxas de ocupación, o que tamén vai ligado a unha maior empregabilidade. A diferenza tan só é mínima no caso de estudos superiores, de feito, con este nivel formativo xa hai a día de hoxe máis mulleres que homes, 290.700 fronte a 235.000.
Teletraballo
No 2022 en Galicia as mulleres representan o 48,33% das persoas que traballaron a metade dos días dende o seu domicilio e no ano 2023 esta cifra pasou ao 51,4%. As diferenzas por sexos son mínimas, motivado isto polos sectores de actividade altamente feminizados como sanidade, hostalería, comercio ou ensino onde o teletraballo é máis difícil.
Propostas da UGT
Aínda que hai aspectos do mercado laboral que están a mellorar para as mulleres, queda moito por facer para que a metade de poboación goce da mesma situación no mercado laboral que o outro 50%.
Entre as propostas da UGT para mellorar esta situación destacan as políticas de emprego que impulsen a incorporación das mulleres ao traballo en condicións de calidade, adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os ámbitos e, especialmente, en materia de coidados, ou impulsar unha reforma educativa baseada na coeducación que integre a educación na igualdade e no respecto á diversidade