8 de marzo

Un informe de CCOO e UGT constata que as eivas do mercado laboral teñen rostro de muller

O S.N. de CCOO de Galicia e UGT-Galicia presentaron en Santiago, co gallo do Día internacional da Muller 8M, un informe no que se constata, un ano máis, un mercado laboral moito máis desfavorable para as mulleres galegas que para os homes.
Un informe de CCOO e UGT constata que as eivas do mercado laboral teñen rostro de muller
A secretaria de Muller de CCOO,  Mamen Sabio, e a responsable de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, na rolda de prensa.
A secretaria de Muller de CCOO, Mamen Sabio, e a responsable de Igualdade de UGT-Galicia, Trinidad Campos, na rolda de prensa.

Taxas de actividade e de emprego máis baixas; taxas de paro, temporalidade, parcialidade máis elevadas e moitas máis reducións de xornada e excedencias por coidados familiares. A isto súmaselle a segregación ocupacional horizontal e vertical. E todo isto conclúe tamén nunha fenda salarial que supera en Galicia os 19 puntos, o que supón case 5.000 euros menos ao ano en retribucións para as mulleres galegas.

Ante esta realidade, UGT e CCOO reiteraron en rolda de prensa que estarán sempre loitando polo dereito a unha igualdade efectiva. Así, ambos sindicatos traballaron nesta  crise sanitaria, no eido do diálogo social, para pechar acordos como o dos ERTE; as subas do SMI, o Ingreso Mínimo Vital; ou o complemento de redución a fenda de xénero nas pensións. No eido normativo, CCOO e UGT colaboraron na articulación de dúas ferramentas decisivas para avanzar na igualdade efectiva, o Real Decreto 901/2020, de 13 de outubro, polo que se regulan os plans de igualdade e o seu rexistro, e o Real Decreto 902/2020, de 13 de outubro, de igualdade retributiva entre mulleres e homes.

A isto, engaden ambos sindicatos, súmaselle unha reforma laboral que, entre moitas das súas potencialidades, destaca o gran impacto de xénero, xa que se lle poñen límites á temporalidade e ó encadeamento de contratos.

Demandas sindicais

De cara a futuro e para rematar coas eivas do mercado laboral e a súa afectación ás mulleres,  para CCOO e UGT resulta prioritario impulsar a negociación colectiva de medidas e plans de igualdade e dotar dos recursos públicos necesarios para cumprir obxectivos neste senso; esixir o cumprimento dos plans de igualdade; combater a violencia machista tamén dende os centros de traballo; seguir incrementando o SMI ata situalo no 60% da media salarial; mellorar as políticas activas de emprego, con perspectiva de xénero; adoptar políticas con perspectiva de xénero en todos os eidos e, especialmente, en materia de coidados; investir en infraestruturas públicas suficientes, accesibles e de calidade para o coidados de menores e maiores con necesidades; reforzar e garantir os instrumentos e recursos de vixilancia, control e sanción da autoridade laboral para o cumprimento efectivo do principio de igualdade no eido laboral; e acelerar o proceso de ratificación dos convenios 189 da OIT sobre o traballo digno das traballadoras do fogar e o 190 da OIT sobre a eliminación da violencia e o acoso no mundo do traballo.

Radiografía do mercado laboral galego

No informe elaborado polos dous sindicatos estatais faise una radiografía do mercado laboral galego. Así, e segundo a EPA, no 2021 a poboación activa feminina é inferior á masculina en 49.800 persoas, un 57,1% de taxa de actividade entre os homes, fronte ao 48,3% das mulleres. Hai 481.000 homes inactivos en Galicia, fronte a 631.700 mulleres. E, mentres que a maior parte dos homes inactivos o son por estar retirados, xubilados ou ser pensionistas, as mulleres, aínda que esta tamén é a principal causa, séguelle de preto as “labores da casa” (así o tipifica o IGE-INE), o que quere dicir coidado do fogar e da familia sen ningún tipo de remuneración, un traballo totalmente invisibilizado. Das persoas que non buscan emprego polo coidado de nenos e nenas, persoas adultas enfermas, discapacitados ou maiores, o 91,3% son mulleres. E a pandemia agudizou esta tendencia de facer da muller a coidadora. Resulta evidente que non existe, ou estase moi lonxe dunha corresponsabilidade plena entre homes e mulleres.

O desánimo no mercado laboral tamén ten rostro feminino. De todas as persoas que din que non buscan emprego porque “cre que non o van atopar”, hai 5.500 mulleres, fronte a 3.600 homes. Todo isto a pesar de que no 2021 había en Galicia 1.220.900 mulleres de 16 ou máis anos e 1.120.000 homes. É dicir, a poboación feminina era superior.

A taxa de paro é 2,2 puntos superior no caso das mulleres (12,8% fronte a 10,6%) e hai 57.500 ocupadas menos que ocupados (513.800 mulleres ocupadas fronte a 571.300 home). As mulleres,de 16 ou máis anos representan en Galicia o 52,2% da poboación pero o 47,4% da ocupación. Así, a brecha da taxa de emprego é de 8,9 puntos, os homes teñen unha taxa do 51%, fronte ó 42,1% das mulleres.

Segregación horizontal e vertical e teito de cristal

Ademais, a segregación ocupacional persiste. As mulleres acaparan o 56,5% da ocupación do sector servizos. Porcentaxe que baixa ó 38,6% na agricultura, gandaría, caza e silvicultura; na industria é do 28,2%; pesca e acuicultura, do 22,2%; e de tan só o 7,6% na construción. A segregación vertical tamén persiste, tan só o 32% dos postos de dirección e xerencia son ocupados por mulleres e tan só o 2,5% da poboación ocupada feminina está nestes postos. Ó que lle hai que sumar que as mulleres tan só representan o 25,4% nos órganos de dirección das empresas do IBEX 35. O “teito de cristal” continúa.

Entre o público e o privado, as mulleres seguen a ter unha maior presenza no primeiro, ocupando o 59,3% dos postos de traballo deste sector.

Temporalidade e parcialidade

A precariedade é outra das constante que tingue o mercado laboral feminino. As mulleres galegas soportaron no 2021 unha taxa de temporalidade do 26,8% (22,2% no caso dos homes). UGT e CCOO agardan que coa nova reforma laboral se deixe ver un cambio. De feito, xa en febreiro de 2022 a contratación indefinida pasou do 9,8% de media anual no 2021 ao 23% en febreiro de 2022. No caso das mulleres pasaron do 9,3% ao 22,2%.

O emprego a tempo parcial tamén ten rostro de muller. Na Comunidade hai 112.100 mulleres con contrato a tempo parcial, fronte a 34.200 homes. É dicir, as mulleres galegas ocupan o 76,6% do tempo parcial. O 27,9% do total de mulleres ocupadas, están a tempo parcial, fronte ó 6,4% masculino. Así, pódese falar dunha brecha na parcialidade de 21,5 puntos.

Asemade, a corresponsabilidade aínda está en cueiros. Así o amosan as cifras. Do total de persoas que en Galicia teñen un contrato a tempo parcial por coidado de familiares, 22.100 son mulleres e tan só 1.400 homes. As reducións de xornada por coidado legal son solicitadas no 76,4% dos casos por mulleres. As excedencias por coidados familiares tamén nun 74% dos casos por mulleres.

 

Un informe de CCOO e UGT constata que as eivas do mercado laboral teñen rostro de muller