‘A Economía Galega Informe 2022’
Galicia recupera os niveis de ocupación previos á pandemia cunha evolución “moi positiva” do emprego feminino
Os resultados do estudo ‘A Economía Galega Informe 2022’, presentado este xoves polo Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (Idega), destacan unha redución “moi significativa” da temporalidade e valora o “impacto positivo da reforma laboral”.
O informe foi presentado nun acto presidido polo reitor da USC, Antonio López e no que tamén participaron Dolores Riveiro García, directora do Idega; Roberto Bande Ramudo, decano da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC; Luis Miguel Varela Cabo, catedrático da USC e director técnico da Asociación Galega do Hidróxeno; a deputada provincial e presidenta da Comisión de Política Social, Educación e Mocidade, María Del Mar García Vidal e José Manuel López Marcos, director comercial de Caixa Rural Galega.
López sinalou que “esta é unha análise rigorosa dos diferentes sectores que integran a economía galega, estratéxicos á hora de contribuír á toma de decisións”.
A publicación, coordinada por Dolores Riveiro e Roberto Bande, analiza o mercado de traballo, o eido agrario, a pesca, a industria, a construción, os servizos e os sectores turístico, financeiro, público e exterior.
A edición 2022 do estudo pon o foco na “caída do emprego autónomo” e no incremento da ocupación nos servizos e reducións na industria e agricultura xunto cun “claro envellecemento da poboación ocupada”. De feito, sublíñase “o relevo xeracional como reto a curto/medio prazo”.
Sector agrario e pesca
O complexo agroalimentario ten un importante peso na economía galega: o 5,6% do valor engadido bruto (VEB) total e 6,3% do emprego total, mentras que o complexo da madeira xera o 1,7% do VEB total e o 2,3% do emprego.
Segundo o estudo, o ano 2022 caracterizouse “por un aumento da produción vexetal e un descenso na produción animal, incluída a produción de leite”. Ademais tamén destaca o “acusado aumento dos prezos percibidos polos agricultores, tanto en produción vexetal como animal”.
Pola súa parte, a pesca constitúe, “o maior vector de especialización de Galicia”, xa que a nosa Comunidade Autónoma conta coa “principal flota rexional da UE, pero moi envellecida”.
Industria e sector exterior
No relativo á industria, o informe constata a caída do 2% no VEB industrial en 2022, fundamentalmente debida ao sector enerxético, aínda que o emprego aumentou en 1.400 traballadores.
Mentras que a facturación da produción de automóbiles aumentou en 350 millóns de euros, ata os 11.550 millóns de euros, a metalurxia sofre, pola súa parte, un importante retroceso, debido á subida dos prezos da enerxía.
En canto ao comercio exterior, as exportacións aumentaron do 23,4% ao 34,5% sendo a UE o principal cliente (64%) xunto cun aumento no peso das importación procedentes de Asia e América.
Construción, servizos e turismo
Por primeira vez dende 2019, a produción do sector da construción medra, pero lonxe dos niveis previos á pandemia, e cun encarecemento dos materiais de construción do 16,3%,
Pola súa parte, os servizos seguen sendo o principal sector detrás do crecemento do PIB galego en 2022 cun aumento da cifra de negocios en todas as ramas, especialmente na hostalería (44,5%).
O turismo volve á normalidade despois da pandemia, con máis de 10 millóns de chegadas en 2022 e un gasto total realizado de 3.800 millóns de euros. O aeroporto de Santiago de Compostela acada un récord de pasaxeiros (3.236.619) e os portos incrementan o volume de toneladas transportadas nun 15,4%.
Sectores financeiro e público
No eido financeiro destaca o aumento nos tipos de xuro dos créditos xunto coa desaceleración no crecemento no número de depósitos e de créditos e a redución do tamaño da rede comercial, tanto en oficinas como en empregados. O informe subliña que máis de 67.000 galegos están en risco de exclusión financeira
Finalmente, o endebedamento total de Galicia sitúase en 11.977 millóns de euros, o 17,2% do PIB, moi por debaixo da media das Comunidades Autónomas (23,9%). O informe detecta unha “forte caída do investimento da Administración central en Galicia” e unha “certa recuperación do gasto sanitario.