Estudo sobre os accidentes de traballo e enfermidades profesionais de CCOO
Galicia duplica o índice de sinistralidade laboral mortal do Estado
O Sindicato Nacional de CCOO de Galicia presentou un estudo sobre os accidentes de traballo e enfermidades profesionais na comunidade autónoma no que se reflexa que Galicia duplica o índice de sinistralidade laboral mortal do Estado
Segundo estatísticas oficiais recollidas no informe de CCOO, Galicia rexistrou un índice de incidencia de 6,05 accidentes mortais por cada cen mil traballadores, mentres que a proporción acadada na media do Estado foi do 3,24. Na clasificación por comunidades, obviando as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, Galicia é a que ten o maior índice de accidentes mortais.
Roi Fernández, secretario de Saúde Laboral do sindicato, atribuíu este feito a tres causas principais. Dunha banda, a falta de traballo en prevención; doutra, a alta precariedade do mercado de traballo en Galicia; en terceiro lugar, o elevado peso que os sectores primarios —agricultura e pesca— aínda teñen na economía galega, e onde se rexistran a maior parte deses sinistros.
O impacto da precaridade
Canto á precariedade, o voceiro de CCOO explicou que as persoas cun contrato temporal sofren o 41,7% dos accidentes de traballo cando este colectivo representa o 26,6% da poboación asalariada, polo que "resulta evidente que a sinistralidade tamén vai da man do traballo precario". Asemade, os traballadores con menos antigüidade no seu posto traballo teñen máis probabilidades de sufriren un accidente laboral. O 21 % dos accidentes con baixa en xornada laboral rexistrados no 2018 sufríronos persoas que tiñan unha antigüidade inferior a tres meses no seu posto de traballo, porcentaxe moi elevada en relación coa poboación asalariada exposta a esa situación.
Aumento dos accidentes mortais
A economista Silvia Parga, autora do estudo, informou de que os datos públicos revelan que en 2018 se rexistraron en Galicia 30.972 accidentes de traballo con baixa (aumento do 2,39 %), dos cales o 90,21% ocorreron en xornada laboral. Respecto do ano anterior, o índice de incidencia baixou nos accidentes leves e graves, pero aumentou un 12,84 % nos mortais. No 2018 morreron 56 persoas nun accidente de traballo; 50 desas mortes producíronse en xornada laboral (son sete máis ca no 2017). En accidente in itinere morreron cinco homes e unha muller (no 2017 morreron tres homes e tres mulleres).
O incremento dos accidentes mortais en xornada laboral deuse nos homes e en todos os sectores de actividade, agás na construción. O maior aumento rexistrouse na agricultura (tres mortes máis, o que equivale a un aumento do 75%) e na pesca (catro mortes máis, un 66,67% de incremento).
Enfermidades profesionais
Canto ás enfermidades profesionais, o estudo presentado polo sindicato incide en que persiste a infradeclaración das enfermidades causadas polo traballo: en todo o 2018 só se comunicaron 1.713 enfermidades causadas polo traballo, apenas trece máis que o ano anterior.