Día internacional da igualdade salarial
As mulleres galegas cobran preto de 5.000 euros menos ao ano que os homes
Co gallo da celebración o 22 de febreiro do Día internacional da igualdade salarial, dende UGT-Galicia denúnciase que a fenda salarial entre homes e mulleres sobe ata o 30,4% se se analiza só o sector privado e ó 34,5% no caso das mulleres que cobran pensións de xubilación.
Non obstante, o sindicato recoñece unha pequena mellora nos últimos dous anos: a fenda baixou 2,2 puntos en relación ao 2018, é dicir, pasou do 21,28 ao 19,11 de 2020 (a máis baixa dos últimos 16 anos), último dato dispoñible. UGT-Galicia considera que, de seguro, detrás disto están as subidas do salario mínimo interprofesional (SMI), que arrancaba ao comezo da lexislatura dos 735 euros ata os 1080 actuais (950 euros no 2020). E, polo tanto, agárdase que en análises posteriores, continúe mellorando a situación salarial das mulleres traballadoras.
Segundo os datos da Enquisa anual de estrutura salarial do INE do 2020, as mulleres galegas cobran 4.829,63 euros menos ao ano que os homes. As mulleres galegas perciben un salario medio ao que percibían os homes nos anos 2007 ou2008, máis dunha década atrás, o que pon de manifesto a lenta revalorización do salario feminino. Isto supón que as mulleres en Galicia deixaron de percibir no ano 2020, un total de 2.440,4 millóns de euros.
O salario medio das traballadoras galegas é un 9% inferior á media do Estado
No caso da fenda salarial calculada para o salario medio, en Galicia é superior á media estatal, do 19,1% e do 18,7% no resto do Estado. Esta Comunidade está no medio da táboa, ten por enriba, en canto a fenda máis elevada, a Aragón, Cataluña, Valencia, Castela e León, Murcia, Andalucía, Navarra e Asturias. O resto están por debaixo, destacando Canarias cunha fenda do 9,85%.
O salario medio das mulleres galegas é de 20.446,53 euros ao ano, fronte aos 22.467,48 de media do Estado. É dicir, un 9% menos de salario para as traballadoras galegas.
Segundo apunta o sindicato, os complementos salariais teñen un peso específico na desigualdade e actuando sobre estes podería reducirse a fenda. Así, en Galicia a diferencia nos pagos extraordinarios é do 27,9%. O peso que teñen os complementos salariais no caso do salario bruto anual dos homes é de 701,66 euros máis ó das mulleres. UGT-Galicia considera que moitas veces estes complementos non se basean en cuestións obxectivas nin cuantificables, polo que esconden en si mesmos un factor discriminatorio.
Fenda por modalidade de contratación, idade, estudos e sectores
Por modalidade de contratación, no caso da indefinida a fenda é de 20,1 puntos e de 8 na contratación temporal. No caso da xornada a tempo completo a fenda é dun 11,4% e do 16,5 no caso do tempo parcial.
Asemade, a fenda salarial que se rexistra nas empresas públicas é moi inferior á do sector privado, dun 6,6%, fronte ó 30,4%.
Por idades, en todos os tramos dáse a brecha salarial, aínda que esta é máis elevada entre os máis mozos e a partir dos 55 anos. De 25 a 34 anos a diferenza é do 19,5% e do 19,3% entre os que teñen 55 ou máis anos. A fenda salarial baixa ata o 18,9% no grupo de 35 a 44 anos e ao 18,8% no de 45 a 54 anos.
A igual nivel de estudos as mulleres sempre perciben menos salario, superando o 25% en todos os niveis analizados, salvo no caso da diplomatura universitaria ou similar onde a fenda é do 17,5%, aínda así, con 5.451,06 euros menos ao ano que perciben as mulleres con esta titulación fronte ós homes. A fenda dispárase ó 36,3% no caso dos estudos primarios e tamén é bastante elevada no caso dos licenciados ou similares e doutores universitarios, do 28,6%. As estatísticas reflicten que un home con estudos primarios percibe unha retribución media de 19.519,97 euros, mentres que unha muller para chegar a ela ten que contar cunha diplomatura universitaria ou similar.
Por ramas de actividade, en todas dáse esta diferenza salarial. Esta é máis acusada na de “outros servizos persoais e de ocio” (29%); “servizos ás empresas” (26,5%); “comercio, reparación e transporte” (26,1%); “entidades financeiras e aseguradoras” (25,6%). Pola contra, as menores diferenzas están na “construción e actividades inmobiliarias” (9,5%); e “servizos sociais” (16,5%). No primeiro caso, basicamente, porque o número de mulleres é escaso e as súas labores céntranse no eido técnico, comercial e de xestión, mellor retribuídas. No segundo caso, porque existe un gran peso do sector público.
Ante a contundencia destes datos, a UGT-Galicia urxe actuar en todas as frontes, lexislación comunitaria, lexislación nacional, inspección e xustiza. O sindicato reivindica o cumprimento da lexislación vixente en materia de igualdade salarial e considera indispensable un plan de actuacións de oficio na Inspección de Traballo para vixiar o cumprimento da normativa española actual sobre salarios equivalentes entre homes e mulleres.