As mulleres galegas perciben un 8,6% menos de salario que a media estatal
A fenda salarial en Galicia alcanza o 22,6%
Co gallo da celebración o 22 do Día pola igualdade salarial, a secretaria de Igualdade, Xuventude e Movementos Sociais de UGT-Galicia, Mónica Rodríguez, presentou un estudo sobre a fenda salarial que existe entre as traballadoras e os traballadores galegos, que é dun 22,6%.
O informe de UGT-Galicia constata que a fenda salarial afecta a todos os tramos de idade, sexa cal sexa o nivel formativo ou a rama de actividade, a´si como aos cobros das prestacións e das pensións no futuro.
Ante esta realidade, "a todas luces inxusta e discriminatoria", UGT-Galicia insiste en que hai que seguir avanzando en materia lexislativa "para rachar dunha vez por todas con esta lacra, facendo realidade a Lei de igualdade salarial que o sindicato xa vén demandando dende hai anos; desenvolver regulamentariamente os instrumentos cos que se conta xa, dotar dos medios suficientes á Inspección para que actúe neste ámbito de xeito incisivo; actuar no eido da negociación colectiva, seguir incidindo na mellora do SMI, que actúa directamente dun xeito positivo para acurtar a brecha; e, en definitiva, traballar para que a igualdade salarial entre homes e mulleres sexa real e efectiva".
As cifras (correspondentes a 2017, último dato dispoñible da Enquisa de Estrutura Salarial) recollen que as mulleres galegas percibiron un salario anual medio inferior nun 22,6% aos dos homes, distancia aínda superior á que se rexistraba no 2010, cando a fenda era do 21,8%. De feito, sobre o ano anterior tan só baixou en 0,4 puntos. Esta brecha é produto tanto das discriminacións retributivas como doutros factores, como a segregación por sexos existente no eido laboral; no tipo de contratación, na distinta promoción nas empresas ou na asunción de responsabilidade familiares, entre outros factores.
A diferenza media en euros entre os salarios das mulleres e os dos homes é de 5.488,11 euros. Deste xeito, as galegas perciben un salario medio similar ao que percibían os homes galegos no ano 2005/2006.
En relación a outras comunidades autónomas, a fenda salarial de Galicia supera a media do conxunto do Estado, onde é do 21,9%. De feito, os ingresos medios das mulleres galegas (18.833,53 euros) foron 1.774,32 euros inferiores á media dos salarios medios das mulleres do conxunto do Estado, o que supón un 8,6% menos.
Complementos salariais
Nos pagos extraordinarios, complementos salariais, a brecha elévase ao 27,8%, o que, de feito, supón unha das principais causas das discriminacións salariais en postos de traballo iguais. UGT-Galicia insiste en que "actuando sobre estes complementos podería reducirse unha boa parte da desigualdade salarial entre homes e mulleres".
O informe tamén presta atención ao tipo de contrato. É coñecido que a contratación indefinida, por norma xeral, garante salarios máis elevados, precisamente, onde o número de mulleres é menor, e, ademais, reflicte unha fenda salarial superior á dos contratos de duración determinada. Pois ben, en 2017 houbo en Galicia 312.700 homes con contratos indefinidos, cunha brecha do 24,1%, fronte a 291.300 mulleres nesta modalidade de contratación. No caso da contratación de duración determinada, rexistráronse 105.800 homes, fronte a 117.500 mulleres, aquí a brecha foi do 12,5%. A diferenza salarial media no caso dos contratos indefinidos elévase aos 6.209,29 euros e é no caso dos temporais de 2.247,67 euros.
Se se analizan os salarios no eido público ou no privado, a brecha persiste, aínda que é moi superior no sector privado, do 26,8%, fronte ao 5,9% no caso do público.
Por tramos de idade, en todos, as mulleres perciben salarios inferiores aos dos homes. Entre os 25 e os 34 anos a brecha é do 22,9%; entre os 35 e os 44, do 19%; entre os 45 e os 54 anos, do 24,3%; e no de máis de 55, do 22%. Isto amosa que a desigualdade afecta a todas as idades.
Outra realidade que se constata no estudo de UGT é que a igual formación, as mulleres galegas perciben salarios inferiores aos dos homes. Resulta significatio que unha muller para percibir unha cantidade superior aos 18.400 euros necesita unha diplomatura universitaria, cando a un home chégalle con estudos primarios. A brecha salarial supera o 25% en todos os niveis de estudos, salvo no caso de ter unha licenciatura, doutoramento ou similar, onde é do 18,9%, pero cunha diferencia elevada en termos cuantitativos de 6.553,11 euros. A brecha no caso dos estudos primarios dispárase ao 37,2%.
Tamén en todas as ramas de actividade os salarios das mulleres son inferiores. As brechas máis elevadas están en “Entidades financeiras e aseguradoras” (28,9%) e en “Servizos ás empresas” (28,3%).
Se se ten en consideración o SMI, obsérvase que o 35,9% das mulleres asalariadas teñen ingresos salariais menores ou iguais ao SMI, fronte ao 24,7% dos homes.
A brecha arrástrase ao desemprego e ás pensións
Cando se abandona o mercado laboral, a brecha arrástrase, tanto ao desemprego como á xubilación. A contía das prestacións por desemprego que perciben as mulleres é inferior á dos homes nun 12,2%. O mesmo sucede coas pensións, aquí a fenda elévase ata o 36,3% no ano 2019.