O recinto organizou tres das seis feiras internacionais celebradas en Galicia
Expourense compatibilizou en 2022 a actividade feiral coa deportiva e a sanitaria
A actividade de Expourense no 2022 está recollida nunha publicación que foi presentada nun acto presidido polo presidente do Padroado da Fundación Expourense e vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia, Francisco Conde López, que estivo acompañado por outros membros do Padroado como Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Armando Ojea Bouzo, tenente de alcalde do Concello de Ourense; Marisol Novoa, presidenta da Confederación Empresarial de Ourense; José Manuel Nogueira Durán, coordinador institucional de Abanca, e Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense. Tamén participou como convidado especial neste acto o cónsul xeral do Uruguai en Galicia, Ramiro Rodríguez Bausero.
O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González, destacou que a entidade “cumpriu os seus obxectivos celebrando un calendario feiral intenso que incluíu, entre outras moitas cousas, a organización da metade das feiras internacionais celebradas en Galicia. Foron 12 meses de intensa actividade nos que tivemos que adaptar de novo o noso calendario e compaxinar a actividade feiral e deportiva coa sanitaria”.
A metade das feiras internacionais celebradas en Galicia
Expourense organizou en 2022 a metade das feiras internacionais celebradas en Galicia o pasado ano, tres de seis. Estas citas foron Funergal (Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios), Termatalia (Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar) e Xantar (Salón Internacional de Turismo Gastronómico).
Ademais, Expourense organizou o ano pasado outras cinco citas feirais: Previsel, Car Outlet, Antiq Auria, Salón do Automóbil Novo e de Ocasión e Sportur Galicia. Estas citas reuniron a un total de 536 expositores.
Celebración doutros eventos
As instalacións de Expourense foron o escenario elixido para a organización dunha quincena de eventos alleos ao calendario feiral do recinto. Estas citas indican queoutras empresas confían nas infraestruturas, versatilidade e soporte de Expourense para organizar as súas actividades. O equipamento tecnolóxico deste recinto feiral na actualidade, sumado ás súas infraestruturas e instalacións, convértenno nun referente no sector MICE (organización de ferias, eventos, congresos e incentivos) de Galicia e constatan o papel de dinamizador do territorio e de referencia internacional que xogan as feiras e eventos organizados polo recinto.
Formación
No 2022, Expourense fixo un importante esforzo á hora de promover, organizar e acoller xornadas, cursos e seminarios de formación ou actualización profesional. Neste ano organizáronse dous congresos internacionais vencellados a dúas citas feirais. O primeiro deles foi o II Congreso Internacional de Directivos Funerarios celebrado de xeito paralelo a Funergal e que foi seguido por 400 profesionais. A outra cita formativa foi o Congreso Internacional de Turismo Deportivo organizado dentro de Sportur Galicia e que contou con máis de 500 inscritos.
A estes congresos hai que sumar as xornadas técnicas organizadas en feiras como Previsel, Termatalia e Xantar. No 2022 participaron nas actividades formativas de Expourense 260 relatores e máis de 7.000 asistentes.