Contar cunha lingua propia abre a porta á creación de solucións específicas adaptadas
As empresas galegas superan a media nacional no uso das tecnoloxías lingüísticas
O informe do Foro Económico de Galicia, presentado este martes en Santiago, realiza un diagnóstico do uso das tecnoloxías lingüísticas en Europa, España e Galicia e advirte do crecemento exponencial desta tecnoloxía na próxima década.
O traballo foi realizado polos expertos do Foro Económico de Galicia, Senén Barro e Luís Otero en colaboración con Carme Magariños, Diego Vázquez, Ignacio Rodríguez, María Bastida, Miguel Taín, María Baqueiro e Paulo Gamallo.
Nunha sociedade interconectada, as tecnoloxías lingüísticas xogan un papel determinante xa que permiten aos ordenadores comprender, interpretar e xerar linguaxe natural. Xunto a IA (Intelixencia Artificial), conforman un campo interdisciplinario que engloba ferramentas como o recoñecemento e síntese de voz, clasificación e análise de texto e a corrección gramatical, entre outros.
Entre os principais ámbitos no que estas tecnoloxías teñen un impacto significativo destacan a formación e saúde personalizadas, o soporte técnico, a análise de información e a automatización de procesos.
Galicia ocupa o quinto posto do Estado
O principal beneficio das solucións das TL (tecnoloxías lingüísticas) para as empresas é utilizar a automatización para reducir custos e mellorar as operacións comerciais para maximizar a produtividade e a rendibilidade.
Na actualidade o mercado a nivel global oscila entre os 15.000 e os 20.000 millóns e agárdase un incremento de ata 160.000 millóns a finais da década.
A cota de mercado esperada para Europa a nivel global estimase no 20%, onde España ocupa o quinto posto cun 9% do mercado europeo. En España as comunidades punteiras son Madrid, Cataluña, País Vasco e Valencia, mentres Galicia ocupa a quinta posición.
O estudo do Foro indica que as empresas galegas superan a media nacional, tanto no emprego da IA para a análise da linguaxe escrita coma no emprego da IA para converter a linguaxe falada en formato lexible por unha máquina.
Os autores consideran que o feito de contar cunha lingua propia abre a porta á creación de solucións específicas adaptadas ás necesidades lingüísticas locais, permitindo unha mellor precisión do procesamento da linguaxe natural. De aí que o galego sexa unha activo estratéxico que está servindo para potenciar o desenvolvemento e a innovaciónno ámbito das tecnoloxías da linguaxe.
Proxecto NOS
O proxecto NOS, con oito liñas de traballo que abarcan desde a síntese de voz á tradución automática ou á xeración de textos entre outras, naceu coa finalidade de acadar unha ampla variedade de recursos linguüísticos en galego de alta calidade e que serán publicados en formato dixital.
Para os autores do traballo, en Galicia o sector das tecnoloxías lingüísticas eríxese como un campo de extraordinario potencial, impulsado pola riqueza de contar cun idioma propio.
Porén, destacan, é necesario formar e nutrir de talento especializado, fortalecer a colaboración coa industria local, apostar por proxectos transversais que aproveiten sinerxias, e continuar impulsando o sector mediante investimentos financeiros e o acceso a recursos linguüísticos desde a Administración.