Indicador Abanca Foro de Coxuntura
A actividade económica galega amosa un crecemento estable no primeiro trimestre
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica reflectiu no mes de marzo un crecemento interanual do 3,1%, unha décima menos que nos dous meses anteriores.
En termos intertrimestrais (xaneiro-marzo), o crecemento da actividade económica de Galicia mantívose estable ao situarse, ao longo do primeiro trimestre de ano, no 0,6%.
Este Indicador está elaborado pola equipa de conxuntura económica do Foro Económico de Galicia. Para a súa confección pártese da análise e cuantificación de 15 variables económicas que inclúen cifras de emprego, facturación empresarial, comercio internacional, actividade industrial e do sector servizos. A súa principal vantaxe respecto á Contabilidade Trimestral é que fornece mensualmente información sintética sobre o pulo global da economía.
Transcorrido xa o primeiro trimestre do ano, o Indicador Abanca-Foro amosa unha leve desaceleración no seu ritmo de crecemento. Esta tendencia continua a fenda comezada no segundo semestre do ano pasado.
Na comparativa coa Contabilidade Rexional fornecida polo Instituto Galego de Estatística, a tendencia á baixa no crecemento é moito máis moderada no Indicador Abanca-Foro que no PIB de Galicia, xa que o segundo diminuíu tres décimas na súa taxa de crecemento interanual (2,3% en marzo fronte ao 2,6 de decembro do ano pasado). Atopámonos, logo, ante unha diverxencia nos ritmos de crecemento das dúas magnitudes, que ten que ver co sector exterior. Segundo o IGE, a demanda externa detraeu no primeiro trimestre 1 punto de crecemento á economía galega. Pola contra, a demanda interna atópase no seu máximo dende 2006 (3,3%).
Nos últimos doce meses, a variable recollida no Indicador que experimenta un maior crecemento é o transporte de pasaxeiros. En sentido contrario e como xa acontecera o mes anterior, o Índice de Produción Industrial (IPRI) continua a ser a variable recollida no Indicador cunha evolución máis desfavorables, así como a matriculación de vehículos turismos e o consumo de gasolina e gasóleo.