Informe da Economía Social en Galicia 2022
En 2022 creáronse en Galicia 142 cooperativas
O número de cooperativas e de sociedades laborais continúa a medrar a bo ritmo, segundo o ‘Informe da Economía Social en Galicia 2022’, elaborado por profesorado e persoal investigador das universidades de Santiago de Compostela e Vigo e presentado este luns na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais de Santiago.
En 2022 creáronse en Galicia 142 cooperativas, a cifra máis elevada da serie histórica, con 542 socios e socias promotores, sendo un 50% mulleres. O mesmo ano puxéronse en marcha sete centros especiais de emprego e 24 sociedades laborais, sendo Galicia a terceira comunidade na que máis sociedades deste tipo se constituiron, con 58 socios e socias (41% mulleres).
Son datos do ‘Informe da Economía Social en Galicia 2022’, presentado en Santiago nun acto no que participaron a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; a vicerreitora de Estudantes e Cultura da USC, Pilar Murias; o decano da Facultade de Ciencias Económicas, Xoán R. Doldán; o presidente do Foro pola Economía Social Galega, Celso Gándara; a directora do Centro de Estudos Cooperativos de Galicia (CECOOP) e directora do estudo, Maite Cancelo; e o director de CIRIEC-España e vicepresidente de CIRIEC-Internacional, José Luis Monzón.
Na presentación, a conselleira Elena Rivo lembrou que a nova Estratexia da Economía Social Horizonte 2027 fomentará o crecemento das empresas deste modelo e a creación de novas firmas, atendendo á diversificación de sectores, mentres que a nova Lei de cooperativas perseguirá axilizar a creación de entidades minimizando a burocracia.
Máis de 6.000 entidades conforman a economía social galega
En total hai 1.265 cooperativas e 735 sociedades laborais activas en Galicia. Ademais, son 124 os centros especiais de emprego, 13 empresas de inserción laboral, catro mutuas e mutualidades, 63 confrarías de pesca, 1.052 sociedades agrarias de transformación e 3.029 comunidades de montes veciñais en man común. Todas elas constitúen a economía social galega.
En canto a número de empregos xerados, a estimación procede dos datos do Ministerio de Traballo e Economía Social, do segundo trimestre de 2020 (último publicado) e só para cooperativas e sociedades laborais inscritas na Seguridade Social, dando en total 7.917 empregos en cooperativas e 2.162 en sociedades laborais.
Para os centros especiais de emprego os datos do sistema SABI dan un volume de emprego de 2.185 persoas e para as empresas de inserción laboral, a partir de AEIGA, as nove empresas afiliadas proporcionan 211 empregos. Nas mutualidades, a partir dos seus informes e de consulta directa constátanse 13 empregos directos en Galicia. En total son máis de 12.000 empregos directos en Galicia.
No resto de familias da economía social galega, nas confrarías as afiliacións de persoas traballadoras ascende a 6.997. E un elevado volume de empresas afiliadas, 4.063, e as persoas que traballan para elas non se están computando.
O estudo foi elaborado polos profesores Dolores Álvarez, Manuel Botana, María Bastida, Maite Cancelo, Rosario Díaz, Pilar Expósito, Loreto Fernández, José Antonio Montero, Ana Olveira, Alberto Vaquero, Emilia Vázquez Rozas, Miguel A. Vázquez Taín e Alicia Villalba.