Webinario de AJE Galicia
A Xunta anima a pemes e autónomos a aproveitar o 3º Plan de Rescate para impulsar a súa recuperación
O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, destacou durante un webinario organizado por AJE Galicia no que tamén participou a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, a oportunidade que supón para os sectores afectados pola crise da covid-19 a posta en marcha do terceiro Plan de Rescate, co que a Xunta quere seguir acompañando ao tecido produtivo, pemes e autónomos para compensar sacrificios e axudarlles a recuperar a súa actividade.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este venres as bases da convocatoria do terceiro Plan de Rescate coa que a Xunta porá a dispor de autónomos e empresas 234,4 millóns de euros, procedentes dos fondos estatais.
O vicepresidente económico quixo mandar unha mensaxe de optimismo asegurando que a estabilización do plano sanitario actual tamén consolida un escenario de reactivación económica, o que impulsará de novo sectores como o turismo, a hostalería ou o comercio. Con respecto a este último, Conde salientou a activación de 19 millóns de euros por parte a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación co obxectivo de axudar aos comerciantes galegos no que vai de pandemia, a través de campañas de dinamización do consumo como o Bono Activa Comercio, con bonos desconto de 30 euros para mercar nas tendas de proximidade –10 millóns de euros–; o Plan Renove Electrodomésticos –cun orzamento de 3 millóns–; ou o Bono Enerxía –3 millóns–; así como para o fomento da dixitalización no sector –5 millóns–.
En paralelo, a consellería tamén puxo en marcha liñas de axudas directas ao sector da hostalería, destinando 11 millóns de euros para o acondicionamento das terrazas e a mellora do servizo de venda de produtos para levar á casa ou para recoller no establecemento.
Pagos con tramitación máis áxil
Pola súa banda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, indicou que con esta nova convocatoria do terceiro Plan de rescate, o Goberno galego chegará a todos os sectores que acrediten alomenos un 40% de caída do volume de operacións. “Reservamos un 85% dos fondos a autónomos e microempresas, para apoiar a continuidade da actividade empresarial na nosa comunidade respecto deste colectivo que constitúe o 97% do noso tecido produtivo”, manifestou Lorenzana.
Así mesmo, indicou que a Administración autonómica axilizará a tramitación dos pagos do 3º plan, minimizando a burocracia, e mediante o adianto do 100% dos importes que correspondan mediante a presentación dunha declaración responsable.
Outros apoios
Por último, Lorenzana avanzou que nas próximas semanas publicarase tamén no DOG diversos programas de axudas aos autónomos que suman preto de 20 millóns de euros. En concreto, activarase o Bono Autónomo co apoios de ata 3.000 euros para a mellora da competitividade empresarial ou profesional dos traballadores por conta propia; as axudas para a promoción do emprego autónomo coas que se apoia o inicio de actividade; as destinadas a impulsar a contratación indefinida de persoas asalariadas, do primeiro, segundo e terceiro traballador; os incentivos á consolidación de pequenas empresas de nova creación e ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica; e os apoios ás asociacións de autónomos.