O 5 de decembro, na Zona Franca
Unha xornada en Vigo dará a coñecer os usos prácticos da fotónica en procesos industriais
Vigo acolle o vindeiro mércores, 5 de decembro, un encontro europeo sobre fotónica, a denominada tecnoloxía do futuro.
Trátase dunha xornada orientada ás empresas galegas coa fin de dar a coñecer, con casos prácticos, os usos desta tecnoloxía nos procesos industriais. Galicia, pola súa industria punteira en automoción e textil, é un obxectivo de interese para a Unión Europea na transferencia do coñecemento en materia de fotónica. De feito, esta é unha das primeiras tecnoloxías na que Europa está á cabeza, por diante de Estados Unidos.
A xornada, baixo o título “Fotónica integrada: casos prácticos e aplicacións na industria”, servirá tamén de lanzamento dun programa europeo que está a coordinar a Universidade de Vigo, en colaboración coa empresa holandesa Smart Photonics. Trátase dun programa para capacitar a catro profesionais da Unión Europea na fotónica integrada, concedido ao equipo da Universidade de Vigo, dirixido polo investigador e subdirector de atlanTTic, Francisco Díaz.
Ao encontro, que terá lugar na Zona Franca de Vigo, asistirán empresas vinculadas, principalmente, coa automoción, as tecnoloxías, o textil, a alimentación e a saúde. Participarán como ponentes os máis destacados expertos europeos en fotónica integrada: Auri Ripoll, directora de marketing de EPIC (European Photonics Industry Consortium), a asociación máis importante que reúne a todas as empresas dedicadas a esta tecnoloxía; Ronald Broeke, director general de Bright Photonics; David Mackey, CTO e fundador de mBryonics e Francisco Soares, un dos máximos responsables do Instituto Fraunhofer Heinrich Hertz, o centro mais relevante de Europa en telecomunicacións aplicadas.
Ao término das intervencións, o director do programa, Francisco Diaz, moderará unha mesa de traballo entre os expertos e as empresas galegas participantes.