O martes 20 de febreiro
Unha xornada da Cámara compostelá axudará aos empresarios a optimizar os seus negocios
A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela celebrará o martes, 20 de febreiro, un taller sobre “Metas 18, optimiza o teu negocio”, impartido polo coach, formador e asesor de pemes e autónomos Juan Luis Magariños.
Dirixida a autónomos, pemes, empregados emprendedores, a charla terá lugar entre as 17:30 e 19 horas na sede da Cámara compostelá.
O obxecto da formación é axudar ás empresas a alcanzar o éxito, planificando o seu rumbo empresarial. No desenvolvemento da xornada poñeranse exemplos de mellora implementados e válidos para pemes e autónomos, con obxecto final de facer máis rendible o negocio e mesmo ter posibilidades de medrar, investindo noutras áreas da empresa como a formación, tecnoloxía ou marketing.
Juan Magariños explica que a maioría de empresarios traballan en “piloto automático” e comezan a súa xornada laboral facendo o mesmo que o día anterior. “Traballan de forma reactiva, en función do que demande a xornada, en lugar de ser proactivos. Deben parar e preguntarse a onde queren chegar co seu negocio, establecer un plan de acción e preguntarse se hoxe foi un día produtivo que serviu para achegarse ou non aos seus obxectivos” –sinala–.
Despois da fase de execución, o experto indica que o empresario debe medir os resultados e ver en que acertou e fallou para mellorar, aplicando este método de análise continuamente. “É máis cómodo facer o que sempre se fixo que pararse a pensar ata onde se quere chegar e buscar a forma de logralo. No mundo dos negocios ou estás crecendo ou desaparecendo, mentres intentas manterte outros estarán formándose máis ca ti e investindo tempo e diñeiro nese propósito. Se estás facendo hoxe as mesmas tarefas que hai seis meses algo non funciona, debes delegar, traballar máis rápido e buscar colaboradores que fagan os labores que aportan menos valor para protexer a planificación, estratexia, innovación, vendas, xestión e automatización” –incide–.
Claves para mellorar unha peme
Para alcanzar o éxito empresarial, Magariños sinala que os empresarios deben ter en mente unha serie de claves estratéxicas. En concreto, explica que deben aprender a ver o seu servizo ou produto desde o punto de vista do cliente, e nunca desde a súa propia perspectiva.
“O ritmo de captación de clientes debe ser maior que o da perda. Como clientes podemos ser infieis moi facilmente. Cada vez é máis doado acceder co teu smartphone a ofertas mellores e nun instante, polo tanto o noso propósito como empresarios debe ser entender e aportar cada vez máis valor ao cliente que ao final será o que decide en que se vai a gastar os cartos”, asegura o experto.
Ademais, Magariños argumenta que os resultados de negocio non dependen do que se di ou se pensa senón do que se fai. “Planifica os resultados que se queren conseguir, sé o actor principal do teu negocio, deseña e executa o plan de acción. Cada acción que fagas no mercado suporá unha reacción que che dará pistas e información para obter a resposta que desexas, por exemplo captar máis clientes. Busca a mellora continua e aprende de cada plan de execución que realices, aconsella.
Outra recomendación é diferenciarse e deixar de pelexar polo prezo. Magariños destaca que o esencial é sorprender ao cliente. “A xente non só merca produtos ou servizos, senón tamén a emoción que lle provoca adquirilos” –engade–.