O venres 25 de xaneiro
Xornada sobre arbitraxe mercantil na Asociación Área Empresarial do Tambre
A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) organizará o vindeiro venres, día 25, unha xornada sobre o “Tribunal de Arbitraxe Mercantil”.
A xornada, que comezará ás 9:30 horas, estará impartida polo avogado Nino Lourido, de Quality Consultores & Abogados.
A arbitraxe é un sistema para a resolución de conflitos alternativo á xurisdición ordinaria, ao que poden acollerse persoas físicas e persoas xurídicas. Esta modalidade consiste na decisión dun experto, independente e imparcial denominado árbitro, e o Tribunal Colexiado de tres árbitros, que estudará o asunto concreto e ofrecerá unha resolución sobre o mesmo –o que se denomina Laudo Arbitral, que ten a mesma validez e o mesmo poder de execución que unha sentenza xudicial–.
“No tecido empresarial español, composto fundamentalmente por pequenas e medianas empresas, non existe o costume de acudir á resolución de conflitos polo procedemento da arbitraxe, aínda cando as controversias no mundo empresarial son máis comúns do que un puidera pensar. Mentres a nivel internacional a arbitraxe é algo común e está presente nos procesos de contratación entre empresas, en España aínda non está moi arraigado este medio para dirimir os problemas que poden xurdir en calquera tipo de relación xurídica”, explica Nino Lourido.
O relator tratará de achegar a arbitraxe aos asistentes á xornada mediante exemplos de casos reais acontecidos en empresas galegas e con resolucións que non serían posibles sen esta ferramenta xurídica de resolución de conflitos.