‘Buscando o azul: economía da pesca e da acuicultura post-millenaria’
A USC organiza a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros
A Universidade de Santiago acollerá do 2 ao 4 de abril a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros (EAFE) que nesta ocasión organiza o grupo de investigación EcoPesca da USC co lema ‘Buscando o azul: economía da pesca e da acuicultura post-millenaria’.
A conferencia, que se desenvolverá na Facultade de Historia da USC entre os días 2 e 4 de abril, ten como obxectivo proporcionar un foro para a difusión dos últimos avances na captura de pesca e na economía e xestión da acuicultura e para promover a discusión entre persoal investigador, de xestores, responsables políticos e outras persoas interesadas no sector pesqueiro.
Tal e como destaca o profesor Gonzalo Rodríguez, responsable do comité organizador, o encontro servirá sobre todo como “un espazo de moita proximidade entre a investigación, a Administración e, en parte tamén, as empresas”. Precisamente, e aínda que é un congreso fundamentalmente académico, nesta edición quere enfatizarse particularmente o diálogo con outros axentes distintos dos puramente científicos.
Así, no congreso europeo participan todas as administracións involucradas na pesca en Galicia -Consellaría do Mar, Secretaría Xeral de Pesca, DG Mare e EFCA (European Fisheries Control Agency)- pero tamén organismos consultivos como o Long Distance Advisory Council (LDAC) e empresas como Pescanova.
A conferencia tamén ten como obxectivo contribuír á discusión en curso dentro da revisión da Política Pesqueira Común e tratará todos os grandes temas da economía pesqueira europea como os descartes, a economía azul, o cambio climático, as pesqueiras artesanais, os mercados ou os subsidios.