Recoñecen o compromiso de empresas e entidades coas persoas consumidoras e usuarias
A Unión de Consumidores de Galicia convoca os Premios Benfeito de Consumo
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) anunciou a apertura das votacións para a primeira edición dos Premios Benfeito de Consumo. O obxectivo destes premios é recoñecer as empresas e entidades que, coa súa labor, contribúen significativamente ao tecido socioeconómico galego, valorando a excelencia e a innovación nas empresas galegas.
Dende este venres, as persoas consumidoras galegas poderán implicarse directamente na elección das empresas gañadoras a través dun proceso aberto de votación. A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) convida a todas as persoas a participar co fin de garantir que os Premios Benfeito de Consumo reflictan verdadeiramente as opinións e experiencias das persoas consumidoras e usuarias galegas en relación coa calidade dos produtos e servizos que estas empresas poñen no mercado, así como a súa atención ao cliente.
Entre todas as persoas que participen no proceso de votación e cumprimenten a enquisa, sortearanse dúas cesta de produtos galegos, valoradas en en máis 100€ cada unha delas.
Os Premios Benfeito
Os Premios Benfeito de Consumo estrutúranse en varias categorías: Produtos Alimenticios, Produtos Non Alimenticios e Servizos. Ademais, a Xunta Directiva da UCGAL poderá outorgar unha ou máis mencións especiais a aquelas empresas que destaquen no seu campo.
Estes premios son unha ferramenta de comunicación da UCGAL que combina innovación con accesibilidade e é capaz de adaptarse a diferentes perfís de público. O obxectivo é achegar as mensaxes da UCGAL á sociedade galega, destacando a promoción dun consumo responsable e sustentable, e fomentando un diálogo e colaboración recíprocos entre empresas e consumidores.