Dirixido a mulleres do rural
UCGAL organiza un obradoiro de banca e comercio electrónico en Boiro
A "Escola para o apoderamento de mulleres do rural: comercio e banca electrónica" é unha aposta pola formación en novas tecnoloxías co fin de diminuír a fenda dixital, fomentar o apoderamento financeiro e a autonomía económica nun contexto no que o número de oficinas bancarias diminúe progresivamente e no que as transaccións de bens e servizos a través da rede están á orde do día.
Entre os obxectivos deste obradoiro de formación está que as asistentes adquiran coñecementos e habilidades relacionadas coa Sociedade da Información (banca electrónica, comercio electrónico) e , así mesmo, coñezan os seus dereitos como persoas consumidoras e as ferramentas existentes que permiten o exercicio dos mesmos.
Este obradoiro de oito horas de duración levarase a cabo os días mércores 23, xoves 24, mércores 30 e xoves 31 de outubro; en horario de 17:30 a 19:30 horas na Aula CEMIT de Boiro. As inscricións realizaranse chamando ao 981 56 64 11 (de 10:00 a 15:00 horas) ou enviando un correo electrónico a [email protected].
UCGAL e a Secretaría Xeral de Igualdade colaboran por primeira vez nun proxecto que busca facilitar a participación das mulleres no entorno dixital e reforzar as súas competencias neste eido ao fin de facelas partícipes dos avances que proporciona a sociedade da información. Este curso chegará tamén a outras sete localidades galegas.