Os días 10 e 11 de maio, en Expourense

Sensibilización e formación, na 12ª edición de Previsel

Conseguir a integración definitiva da prevención no sistema de xestión das empresas galegas para crear espazos de traballo saudables. Este será un dos obxectivos da 12ª edición de Previsel, Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que terá lugar en Expourense entre os días 10 e 11 de maio. 

Sensibilización e formación, na 12ª edición de Previsel
Enma González, Marisol Novoa, Marisol Díaz e Ángel López, na presentación de Previsel./P.L.
Enma González, Marisol Novoa, Marisol Díaz e Ángel López, na presentación de Previsel./P.L.

Previsel foi presentado este luns nun acto no que participaron a delegada territorial da Xunta de Galicia, Marisol Díaz; a vicepresidenta da CEO, Marisol Novoa; o director do centro ISSGA de Ourense. Ángel López; e a directora adxunta de Expourense, Emma González.

Ademais de fomentar a cultura preventiva entre empresarios e traballadores, o salón está enfocado á formación, tanto de profesionais coma do público en xeral. Por iso presenta un programa con máis de 30 actividades nas que tamén se inclúen conferencias e obradoiros especializados dirixidos a determinados sectores como a edificación, a agricultura, a docencia ou o forestal.  Previsel é o único salón destas características en Galicia que consegue a involucración activa de todos os axentes vencellados á prevención: administración, patronal, sindicatos, colexios profesionais ou servizos de emerxencias, entre outros.

Na área expositiva, que esta edición é máis reducida en tamaño por mor das obras no recinto feiral ourensán, Previsel contará con 23 expositores, destacando a presenza en feira de asociacións e federacións sectoriais, sindicatos e servizos de prevención, seguridade e emerxencias.

Novidades

Segundo adiantou a directora adxunta de Expourense, Enma González, Previsel realizará actuacións para sensibilizar á sociedade en xeral da necesidade de contar con formación en materia de seguridade e prevención de riscos ou de enfermidades. Os plans de autoprotección aplicados na organización de eventos tanto desde o ámbito público como privado serán un dos temas novidosos desta edición.

Outra das novidades será a mesa sobre “seguridade e protección na edificación” na que participa a Inspección de Traballo e os colexios profesionais de Arquitectos, de Aparelladores e de Enxeñeiros Técnicos Industriais que abordarán termas como os riscos e responsabilidades nas obras de reformas acometidas polas comunidades de veciños, ou os efectos derivados do deseño dos edificios na saúde dos seus habitantes.

Ademais, o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, ISSGA, continúa coa súa aposta pola formación en prevención de riscos entre os profesionais de sectores específicos organizando dous seminarios. O primeiro deles será o día 10 de maio ás 12.15 h., analizará o “burnout” (síndrome do “traballador queimado”), un termo de actualidade que fai referencia ao estrés no traballo, na docencia e nas profesións de atención ao cliente. O segundo dos obradoiros organizados polo ISSGA será o día 11 e versará sobre a prevención de riscos no sector primario contemplando os traballos na horta, en invernadoiros e na recollida da pataca.

Outra das entidades que colabora con Previsel dende o seu comezo é a Confederación Empresarial de Ourense, CEO, que nesta ocasión organiza unha xornada sobre “a xestión da idade dende a prevención de riscos laborais, facilitando  ferramentas de apoio ás empresas”. E é que como sinalou a vicepresidenta da confederación empresarial, Marisol Novoa, un 27% dos traballadores da Unión Europea consideran que aos 60 anos no están en condicións de continuar a desempeñar o seu posto de traballo polo que “son necesarias acciones preventivas que eviten el abandono prematuro del mercado laboral”.

Os sindicatos CCOO e CIG súmanse un ano máis a Previsel e organizan cadadansúa xornada: Comisións analizará o tema da “saúde laboral na empresa, que é? e para que serve?” e a CIG organizará unha mesa redonda sobre o acoso laboral.

Pola súa parte, TESGALICIA, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia, organizará unha vintena de conferencias e obradoiros dirixidos na súa meirande parte a persoal sanitario e asistencial

Bombeiros, Protección Civil, a Unidade Operativa de Drones da Axencia Galega de Emerxencias, Cruz Vermella, FREMAP ou a Consellería de Sanidade tamén estarán presentes no salón, que estará aberto ao público de 10 a 14.00 horas e de 16.30 a 19.30 horas o mércores 10 e de 10.00 a 14.00 horas o xoves 11.

Sensibilización e formación, na 12ª edición de Previsel