A primeira edición, do 17 ao 19 de novembro de 2022
Sedexpo congregará en 2022 aos principais axentes da seguridade, a defensa e as emerxencias
O director xeral de Emerxecias e Interior da Xunta, Santiago Villanueva, participou este mércores na presentación da I Feira de Seguridade, Defensa e Emerxencias, Sedexpo 2022, un certame que considera será un efectivo instrumento para seguir medrando como polo de atracción de investimentos deste sector, no que Galicia é xa un referente.
O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, destacou a importancia de I Feira de Seguridade, Defensa e Emerxencias, Sedexpo 2022 para converter a Galicia en protagonista do proceso de transformación industrial e tecnolóxico dos sectores da seguridade, defensa e emerxencias a través desta feira que permitirá “potenciar estes ámbitos e facer partícipes aos cidadáns da súa relevancia”.
Ademais, sinalou que a comunidade galega é un referente nesta industria, polo que o Goberno galego apoia a celebración de Sedexpo, que o vindeiro ano congregará aos principais axentes a nivel nacional da seguridade, a defensa e as emerxencias continuando ademais a reactivación da actividade trala covid-19 no recinto feiral de Silleda.
A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, Sedexpo 2022, terá lugar do 17 ao 19 de novembro de 2022 na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda. Unha primeira edición na que se está a traballando xa intensamente e que foi presentada no marco de UNVEX, a maior feira de drons de España, a cal se celebra en Santiago ata o 9 de xullo.
Na presentación tamén estivo presente Ricardo Durán, director da Feira Internacional de Galicia Abanca, entidade organizadora do certame. Na súa intervención sinalou que se trata dun proxecto ilusionante, xa que supón, por unha banda, a incorporación de novos sectores ao calendario do recinto, tal e como xa se veu facendo nos últimos anos con eventos que están a contar con moi bos resultados como a feira da enerxía Enerxétika ou a de transporte de viaxeiros por estrada ExpoBus, e, por outra, permite á entidade feiral aportar o seu grao de área a uns sectores que son clave para o benestar e a protección social.
Durán resaltou ademais que o evento se porá ao servizo destes sectores cun equipo que conta con gran experiencia na organización de eventos, como é o da Feira Internacional de Galicia Abanca, co obxectivo de contribuír o máximo posible ao seu desenvolvemento. Ao mesmo tempo subliñou a importancia de poder presentar Sedexpo no marco dunha feira de referencia como é UNVEX e agradeceu a Ángel Macho, director do evento e do grupo IDS, tanto a posibilidade de facer este acto como o apoio do seu grupo de comunicación a Sedexpo.
Acordo con IDS
Tras a presentación de SEDEXPO a Feira Internacional de Galicia ABANCA formalizou un acordo de colaboración co grupo de comunicación IDS, organizador de UNVEX. Un convenio que resulta de gran interese para o certame e mediante o cal IDS apoiará a SEDEXPO coa súa experiencia e coñecemento. Así, formará parte activa do seu Comité Organizador e asesorará ao Comité Reitor en distintos aspectos do evento. Ao mesmo tempo, o grupo pasará a ser “media partner estratéxico”.