Do 20 ao 23 de outubro
O Salón do Automóbil de Ourense porá á venda vehículos novos e de ocasión
14 concesionarios pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense (ACAUTO), participarán como expositores no 13º Salón do Automóbil que se celebrará en Expourense entre o xoves 20 e o domingo 23 de outubro.Será un único salón onde se poderán atopar coches novos e tamén de ocasión.
Trala suspensión do certame que ía celebrarse a pasada fin de semana por mor da folga do siderometal na provincia de Ourense, finalmente os organizadores do Salón do Automóbil decidiron agrupar as dúas feiras previstas -a do vehículo novo e a do vehículo de segunda man- nunha mesma fin de semana.
As marcas presentes no Salón do Automóbil aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2023. En total, as 14 empresas presentes representan 19 marcas que presentarán modelos novos e onde tamén haberá espacio para os vehículos de ocasión. As marcas representadas son Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Ford, Hyundai, KIA, Mazda, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volkswagen e Volvo.
Dende ACAUTO comentan que este salón “é unha cita clave na venda de vehículos anual en Ourense, reactiva o mercado e contribúe a rexuvencer o parque móvil da provincia situado nos 12,5 anos de media de antigüidade dos vehículos”.
Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do precio de compra do vehículo adquirido.
Este ano repítese tamén a colaboración con Cáritas Ourense, entidade que recibirá 15 euros por cada vehículo vendido que será achegada entre Expourense e ACAUTO, organizadores do salón coa colaboración da Deputación Provincial.
O horario do 13º Salón do Automóbil será o xoves 20 e o venres 21 de outubro de 11.00 a 20.30 h.; o sábado 22 de outubro de 10.00 a 20.30 h., e o domingo 23 de outubro de 11.00 a 20.00 h.