Este venres 7, no Teatro Principal e en liña
A relevancia dos fondos europeos na financiación das administracións locais, a debate en Pontevedra
O responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (COSLA), Serafín Pazos Vidal, completa o plantel de poñentes nunha xornada semipresencial sobre os fondos europeos que se celebra en Pontevedra vindeiro venres, 7 de maio.
Na xornada que organiza o Concello de Pontevedra analizarase a relevancia dos fondos europeos na financiación actual e futura das administracións, especialmente das locais. Ademais de facer balance da actual xestión do programa EDUSI financiado con fondos FEDER, tratarase de despexar dúbidas ao respecto dos Fondos Next Generation que se remitirán aos Estados membros da UE no marco do plan de recuperación económica da Covid, e dos fondos comunitarios do período 2021-2027.
A xornada comezará ás 9.15 horas coa inauguración a cargo do alcalde pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, que dará a benvida aos ponentes e asistentes presenciais no Teatro e tamén en liña; e daralle a palabra a Carmen Sánchez-Miranda Gallego, directora da Oficina de ONU-Habitat en España, que ofrecerá a ponencia marco.
Dado que a xornada está pensada para profundizar na xestión dos fondos europeos FEDER que xestiona o Concello de Pontevedra a través da EDUSI, está prevista unha intervención da concelleira responsable dos fondos, Anabel Gulías, así como dos concelleiros Demetrio Gómez e Iván Puentes, responsables de Obras Urbanas e Mobilidade e de Parques, respectivamente, que exporán proxectos como o transporte a demanda ou a recuperación do río Gafos.
O responsable de Política Europea da Convención Escocesa de Autoridades Locais (COSLA), Serafín Pazos, fará unha aproximación ao Plan de Recuperación, Resiliencia e Transformación de España desde a perspectiva urbana.
O encontro tamén contará coa presenza da subdirectora xeral de Políticas Urbanas do Ministerio de Mobilidade, Transporte e Axenda Urbana, Ángela de la Cruz, que falará da transición das cidades cara a un modelo máis sostible: a Axenda Urbana Española e os Plans Estratéxicos de Acción Local (PEAL). O Concello de Pontevedra está en pleno desenvolvemento desta Axenda urbana.O Fondo de Recuperación - Next Generation EU e o papel que as cidades van ter na xestión deses fondos tamén estará enriba da mesa, dada a incerteza que na actualidade existen ao respecto destas axudas europeas.
O evento finalizará coa intervención do director xeral de Política Rexional e Urbana da Comisión Europea, Enrico Marescotti, que se centrará nos retos e desafíos das cidades europeas.
Aínda que se trata dunha xornada eminentemente técnica, pensada para responsables da administración e empresas especializada está aberta a todos os públicos, polo que todas as personas interesadas en asistir á xornada, que se celebra no Teatro Principal da capital pontevedresa, deben inscribirse previamente. Tamén existe a posibilidade de seguir o desenvolvemento da xornada a través da internet.