O 26 de abril, en Viveiro
A Red Localis estuda a normativa autonómica de impulso ás iniciativas empresariais
O obxectivo deste encontro é difundir as claves normativas deseñadas pola Xunta de Galicia para a reactivación económica e as medidas organizativas previstas para a dinamización empresarial, destacando o papel da iniciativa galega de Concellos Emprendedores impulsada a través da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, na promoción da actividade empresarial.
Os organizadores pretenden despexar dúbidas sobre a normativa de aplicación, a integración dos informes na tramitación administrativa local e o papel do persoal electo e técnicos municipais no impulso da reactivación económica de Galicia. Asemade daranse a coñecer as ferramentas previstas na normativa galega para o impulso da implantación de iniciativas empresariais e divulgar o contido e potencialidades para as empresas e administracións da Oficina Galicia Empresa.
A xornada abrirase coa intervención de Pablo Casal Espido, secretario xeral técnico da Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia. A continuación intervirá Paula Uría Traba, secretaria xeral de Industria, que abordará as actuacións levadas a cabo pola Oficina Galicia Empresa.
Concepción Campos Acuña, secretaria de Administración Local e codirectora da Red Localis, centrará a súa participación nas entidades locais e o reto de simplificación administrativa, especialmente en como atraer o investimento e reforzar o tecido empresarial.
O papel da administración na implantación de empresas
A continuación haberá unha mesa redonda co obxecto de analizar desde unha perspectiva multidisciplinar o papel das administracións públicas na implantación e crecemento das empresas en Galicia. Intervirán Teresa Bernal Cortegoso, subdirectora xeral de Proxectos da Secretaria Xeral de Industria da Vicepresidencia primeira de Xunta; Manuel Ángel Otero Legide, alcalde de Mondoñedo; Pablo Martín Fernández Castro, xefe da área de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Arteixo; Manuel Miranda Cadórniga, director xeral de Enmacosa Consultoría Técnica; David Gómez Rosa, empresario, e Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo.
Pechara a xornada Francisco Conde López, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.