Webinar organizado polo Clúster da Función Loxística de Galicia
Recoñecen o papel exemplar da cadea loxística durante a pandemia
O debate sobre "A Función Loxística na recuperación económica dos sectores estratéxicos de Galicia", que foi seguido por unhas 80 persoas de maneira online, estivo moderado por Iago Domínguez, xerente do Clúster da Función Loxística de Galicia, e contou coas intervencións do propio presidente do Clúster, Xoán Martínez, do conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do director do Igape, Juan Cividanes, por parte da administración, e Javier Díaz, director de cadeas de suministro de Nueva Pescanova, Adolfo Díaz, director de Loxística de Gadisa, e Iago Rodríguez-Quintana, Business Development de Altia Logistic Software, en representación das empresas do sector.
No webinar constatouse o exemplar papel da cadea loxística ao longo da pandemia de covid-19, garantindo os suministros; avaliáronse os cambios que se produciron no seu día a día e cales destes viñeron para quedarse; e apuntáronse cales serán os retos de futuro, desde a transformación dixital a como garantir a competitividade do sector.
Na súa primeira intervención, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, enviou "unha mensaxe de recoñecemento e agradecemento ao conxunto do sector loxístico galego; foi un exemplo de como se deu unha resposta eficiente, solidaria e garantindo en todo o momento o servizo de distribución".
Neste sentido, os responsables da loxística de Gadisa e de Nueva Pescanova entraron a detallar como viviron eles a crise sanitaria, nomeadamente nas primeiras semanas da pandemia. Adolfo Díaz, director de Loxística da distribuidora alimentaria Gadisa, destacou a "gran profesionalidade" dos traballadores e expuxo que a prioridade da empresa, por riba do cálculo de custos, foi "a continuidade do servizo". "Tes que subministrar toda esa demanda que non era racional, como o papel hixiénico,e haino que facer convivir con produtos de primeirísima necesidade, produto fresco que necesariamente tes que subministrar, eso produce unha tensión moi potente na cadea, aínda hoxe seguimos padecendo ese tipo de comportamento do consumidor", detallou Díaz.
De similar maneira narrouno Javier Díaz, director de cadeas de suministro de Nueva Pescanova, quen recalcou que a prioridade foi "a saúde dos nosos traballadores porque era a única maneira de garantir o suministro do negocio". O responsable da loxística da multinacional pesqueira considera que o reto máis importante durante a pandemia foi convivir coas incertezas: "os que habitualmente xestionamos cadeas loxísticas non nos gusta porque xera ineficiencias; nas redes loxísticas tanto xeran disrupcións os incrementos como os decrementos de consumo; nun momento había tipos de produtos que estaban incrementando o 200% e había outras canles e produtos parados".
Cambios introducidos e as posibilidades da tecnoloxía
Durante o debate tamén se analizaron os cambios que trouxo esta crise, desde o auxe do comercio online ao teletraballo, e outros que están por vir, como a necesidade de repensar como facer sostibles as entregas de "última milla". A este respecto, Iago Rodríguez-Quintana, Business Development de Altia Logistic Software, apuntou que "a tecnoloxía pode axudar en todos os planos do proceso loxístico", poñendo como exemplos a optimización das rutas e das cargas, a regulación dos horarios, o aforro de custos coa dixitalización de trámites, estimacións máis certeiras dos fluxos, a reducción dos tempos, etc. "A transformación dixital era un proceso que viña desenvolvéndose, o sector loxístico fixo investimentos moi importantes, pero é certo que esa dixitalización cada vez vai ser máis intensiva", recoñecía o propio conselleiro de Economía, Emprego e Industria.
Na esfera internacional, no webinar constatouse que o covid-19 está obrigando a todos os operadores a repensar as súas cadeas de suministro. "Todos sufrimos as cadeas de suministro complexas... para garantir que nunha posible repetición dun evento como o que tivemos estar preparados. Esto vaise facer nun contexto de dúas tendencias: o proteccionismo dalgúns gobernos e mercados, e a preocupación pola autonomía alimentaria; é cedo para saber estas tendencias como van afectar pero hai que telas en conta; loxicamente xeran oportunidades e riscos para as industrias que están operando nos mercados internacionais", valoraba Javier Díaz, de Nueva Pescanova.
Retos de futuro
De cara ao futuro, o sector loxístico galego ten moitos retos sobre a mesa, e non necesariamente causados polo covid-19. "O papel do Clúster é conseguir non tanto melloras ligadas ao coronavirus senón melloras históricas que necesitamos solventar: a coordinación para obter solo industrial e competitivo onde se demanda é crítica; a eliminación da burocracia nas importacións e exportacións; de igual xeito que ter un ferrocarril adaptado e competitivo a nivel europeo; a peaxe da Autoestrada do Atlántico, que é fundamental para Galicia e para o que transporte non ten alternativa, ten que ser un tema tratado axiña, porque afecta a todo tipo de industria", enumerou Xoán Martínez, presidente do Clúster da Función Loxística de Galicia.
Un contexto que recoñecía o propio conselleiro de Economía: "el covid no ha variado el principal vector para cualquier economía, que es la competitividad". Neste sentido, Francisco Conde, amosábase convencido da "colaboración público-privada" e do traballo conxunto para dar respostas ás necesidades que ten o sector.
A este respecto, o director do Igape, Juan Cividanes, aproveitou as súas intervencións para detallar as medidas postas en marcha pola Administración galega, nun primeiro momento para facilitar liquidez ás empresas e xa máis tarde, para axudar na reactivación do tecido empresarial.