Congregará a expertos do ámbito galego, nacional e europeo

A Real Academia Galega de Ciencias dedica un ciclo á Intelixencia Artificial

O ciclo de conferencias, organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Deputación da Coruña, celebrarase entre o 23 e o 26 de outubro en Santiago, Ferrol e A Coruña. Nel reuniránse expertos do sector que abordarán o impacto da Intelixencia Artificial (IA) na sociedade, a industria, a saúde, a educación e o emprego.

A Real Academia Galega de Ciencias dedica un ciclo á Intelixencia Artificial
Senén Barro, coordinador do cilco de conferencias “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”
Senén Barro, coordinador do ciclo de conferencias “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”

Baixo o título “Intelixencia Artificial. A electricidade do século XXI?”, este ciclo de conferencias, coordinado por Senén Barro, director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS) e académico da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), congregará a expertos investigadores, profesores, empresas e institucións do ámbito galego, nacional e europeo.

Barro sinalou que “considera a IA como a electricidade do noso século. Aínda que esta é unha frase esaxerada, non cabe dúbida de que vai camiño de ser unha das tecnoloxías máis transformadoras da economía e da sociedade, senón a que máis”.

As dúas primeiras sesións celebraranse os días 23 e 24 de outubro en Santiago, na sede da Confederación de Empresarios de Galicia. O día 25 o ciclo trasladarase ao salón de actos do Campus de Ferrol e pecharase o 26 no Kiosko Alfonso da Coruña. As sesións tamén se poderán seguir en streaming.

Con este ciclo búscase informar e reflexionar sobre a IA ao mesmo tempo que se remarca a súa transcendencia e a súa crecente influencia nas vidas persoais e profesionais.

Desta maneira, Barro destacou que “cómpre abordar aspectos como o estado da investigación e o desenvolvemento deste ámbito científico-tecnolóxico; o impacto nalgúns dos temas que nos resultan máis sensibles como a educación, a saúde ou o emprego, neste caso claramente afectado pola automatización intelixente; a transformación e innovación intelixentes na industria; e, por suposto, a denominada IA fiable, pola que aposta a UE, e España moi especialmente, como se puxo de manifesto recentemente coa creación da Agencia Estatal de Supervisión de la IA (AESIA)”.

As conferencias están abertas a todas as persoas interesadas na IA e no seu impacto social, económico, ético e laboral, sen necesidade de que sexan especialistas neste eido.

 

A Real Academia Galega de Ciencias dedica un ciclo á Intelixencia Artificial