Sexta edición dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2020
RAGC e Gain premiarán os casos de éxito de transferencia de tecnoloxía ao mercado
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), abre ata o 30 de abril o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2020.
O certame repartirá na súa sexta edición premios por un valor total de 18.000 euros para recoñecer os mellores casos de éxito en aplicación práctica de resultados de investigación en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, entre a comunidade investigadora e empresarial.
Os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2020 inclúen tres categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” está dirixido a grupos de investigación que, a través do seu labor en I+D aplicada, desenvolveran unha tecnoloxía susceptible de ser aplicada ao sector empresarial pero que aínda non fose transferida. A dotación do premio ascende a 6.000 euros e pode presentarse calquera grupo, coa única condición de que estea adscrito a un centro tecnolóxico ou de investigación ubicado en Galicia.
No caso do premio “Fernando Calvet Prats”, recoñecerase o traballo dun grupo de investigación no que a tecnoloxía creada fose xa transferida con éxito ao sector empresarial. Os destinatarios son, igual que na modalidade anterior, grupos radicados en Galicia e a dotación é tamén de 6.000 euros.
O premio “Ricardo Bescansa Martínez” busca o caso de éxito máis representativo de innovación empresarial acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Poden concorrer empresas de calquera tamaño –galegas ou cun centro de traballo radicado en Galicia– que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación do galardón ascende tamén a 6.000 euros.