A presentación de candidaturas remata o 15 de abril
A RAGC e Gain convocan os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023. Os galardóns teñen como obxectivo recoñecer casos de éxito de transferencia de coñecemento na Comunidade.
Os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2023 concederán tres galardóns. En primeiro lugar, o premio “Francisco Guitián Ojea” distingue un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, por parte dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O traballo pode ser inédito ou estar xa publicado con posterioridade a 2020.
O premio “Fernando Calvet Prats” destaca un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo creador da tecnoloxía transferida.
E finalmente, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” galardoa un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida.
As tres categorías están dotadas cada unha delas cun premio de 6.000 euros e un diploma acreditativo. Ás dúas primeiras categorías poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Á terceira poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade. En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco as académicas e académicos da RAGC.
O prazo para a recepción de solicitudes ábrese este mércores 15 de febreiro e conclúe o 15 de abril. A tramitación das candidaturas farase de xeito telemático, a través dun formulario específico para cada categoría dispoñible nas páxinas web da Real Academia Galega de Ciencias e da Axencia Galega de Innovación.