Terán lugar entre o 4 e o 8 de marzo
R e expertos de empresas tecnolóxicas celebran a 3ª edición da “Semana das tendencias e infraestruturas TIC”
R organiza, en colaboración con expertos de compañías líderes mundiais en tecnoloxía, a 3ª edición da “Semana das tendencias e infraestruturas TIC” na que a través de diversas sesións se analizarán as principais tendencias TIC e os retos derivados da dixitalización das empresas.
As sesións, que serán gratuítas e accesibles, mediante inscrición previa, en formato dixital, interactivo e exprés teñen unha duración de 30 minutos e, en cada unha delas, expertos de Fortinet, Aruba, Microsoft, Ozona e Commvault revelarán algunhas claves que poden axudar a empresa a tomar decisións e a adiantarse aos grandes desafíos do sector na actualidade.
Ciberseguridade, conectividade, IA, teletraballo e datos seguros
A primeira sesión, o luns 4 de marzo, correrá a cargo de Iñaki Quintanilla e Cristian Bermejo, de Fortinet, que explicarán os fundamentos dunha solución avanzada para integrar seguridade, visibilidade e control da nube no posto de traballo. Tamén falarán de como contrarrestar ameazas en tempo real con servizos de seguridade impulsada por Intelixencia Artificlal (IA).
O martes 5, Alberto Pérez Cuesta, de Aruba, analizará o presente e futuro da tecnoloxía da conectividade na empresa e a axilidade e resiliencia necesarias nos negocios para adoptar novas capacidades e procesos apoiados na tecnoloxía.
Na terceira sesión, que se celebrará o mércores 6, Antonio Cruz, de Microsoft, afondará no terreo da IA xenerativa no posto de traballo e nos retos e oportunidades que lles ofrece Copilot para Microsoft 365 ás organizacións e os seus responsables de Tecnoloxías da Información.
Ozona, co experto Marcos Paredes, destinará a xornada do xoves 7 a analizar unha solución que reforza eficiencia e seguridade da empresa nunha contorna de teletraballo ou traballo deslocalizado, controlando en paralelo o rendemento das aplicacións e do/da profesional.
Finalmente, o venres 8 de marzo, Juan Esquivel, de Commvault, profundizará na xestión do dato como activo estratéxico clave nas compañías e sometido a ameazas potenciadas polo auxe do Machine Learning e a IA Xenerativa. Ofreceranse opcións para combater a IA con IA, garantindo a seguridade nativa dos datos na nube e, en consecuencia, a resiliencia do negocio.
Coa celebración desta nova edición da “Semana das tendencias e infraestruturas TIC”, R revalida a súa misión de acompañar as empresas galegas nos seus procesos de dixitalización para optimizar a competitividade das compañías do territorio en calquera escenario do mundo.