Entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
O presidente da RAGC defende a transferencia de coñecemento como vía para aumentar a competitividade das empresas
O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS), o Departamento de Química Física da USC e Ingeniería Insitu recolleron este martes os cuartos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia.
O presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Miguel Ángel Ríos, afirmou que “a transferencia de tecnoloxía ao sector produtivo desde as institucións e centros onde se produce a ciencia parece ser a vía máis razoable e atrévome a dicir que a única realista para alimentar a competitividade das empresas”.
Durante a entrega dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, celebrada en Santiago, Ríos destacou que, ademais de impulsar a transferencia de coñecemento, un sistema de I+D+i efectivo e sostible debe promover toda a investigación de calidade, sen abandonar a ciencia básica para apoiar só a investigación aplicada, o que, nas súas palabras, sería “unha falta de visión, un grave erro de estratexia e, polo tanto, unha irresponsabilidade”.
Os galardóns, que este ano alcanzaron a súa cuarta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. O certame está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain).
A directora da Gain, Patricia Argerey, destacou o papel destes galardóns a prol da cultura da innovación en Galicia, contribuíndo a tender unha ponte imprescindible entre a comunidade científica e a aplicación dos seus resultados de investigación, e agradeceu a contribución da RAGC á difusión da cultura científica e, neste caso, á dinamización da cultura da innovación. Ademais, subliñou que o pulo aos procesos de transferencia que fan que o coñecemento se materialice en crecemento económico e benestar social é un dos eixos prioritarios da política de innovación da Xunta de Galicia.
Premio grupos de investigación
O premio ao mellor traballo desenvolvido por un grupo de investigación aplicada, dotado con 6.000 euros netos e unha axuda de 4.000 euros para a formación dun dos investigadores, recaeu no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e no Departamento de Química Física da USC. O proxecto liderado polos doutores Francisco Rivadulla e Víctor Leborán consiste no desenvolvemento dun novo sensor con aplicacións no desenvolvemento de novos fármacos e produtos biomédicos.
A axuda de formación outorgada permitiralle ao investigador do equipo Carlos López, facer unha estadía no Van 't Hoff Institute for Molecular Sciences da Universidade de Amsterdam, tal e como anunciou Rivadulla durante o acto. Durante a súa intervención, este último puxo como exemplo o seu proxecto para afirmar que “debemos pensar que o muro que separa a investigación básica da investigación aplicada non é tal”, ao que engadiu que “tal vez o único que separa a investigación básica da investigación aplicada é a fronteira que marca o límite da nosa imaxinación”.
Nesta mesma categoría, o xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía decidiu outorgar unha mención especial ao proxecto “pescaenverde”, a única ecoetiqueta específica dos produtos do mar que informa ao consumidor sobre o impacto no cambio climático que supón cada peza de peixe á venda. Recolleron o recoñecemento Gumersindo Feijoo, María Teresa Moreira e Pedro Villanueva Rey, do Departamento de Enxeñería Química da USC.
Premio pemes para Insitu
O premio da categoría de pemes foi recollido por Pedro Arias, cofundador de Ingeniería Insitu, a empresa galardoada, nacida do Grupo de Investigación en Xeotecnoloxías Aplicadas (GeoTech) da Uvigo e con sede actual en Lugo. O galardón, dotado con 12.000 euros, recoñece o sistema desenvolvido por Insitu para permitirlles a empresas e administracións públicas inspeccionar, explotar e xestionar estradas, liñas de ferrocarril e aeroportos desde a oficina, a partir dos datos obtidos con múltiples sensores e que lle mostran ao usuario representacións 3D e imaxes sobre o estado da vía, ou a visibilidade nun determinado momento.