A presentación de candidaturas estará aberta entre o 16 e o 27 de novembro
Os Premios de Artesanía de Galicia recoñecerán o talento e a traxectoria dos artesáns galegos
Os Premios Artesanía de Galicia 2020 teñen como obxectivo principal recoñecer e visibilizar o traballo do sector artesán galego, e contribúen adivulgar os oficios artesanais, potenciar a creatividade dos profesionais, incentivar os novos talentos en Artesanía de Galicia, promover o relevo xeracional e mais apostar pola introdución da innovación e do deseño nos procesos de produción. Como en anos anteriores, terán tres categorías: Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa EloyGesto, e o prazo de presentación de candidaturas estará aberto desde o 16 ata o 27 de novembro.
O Premio Artesanía de Galicia, dotado con 9.000 euros, está dirixido a obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. Premiarase a obra que represente as liñas desexadas para unha artesanía competitiva no mercado actual como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais máis característicos da nosa artesanía, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación e a boa calidade da obra. Poderanse presentar a esta categoría todos os obradoiros artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
O Premio Traxectoria ten carácter honorífico e trátase dun premio outorgado polo propio sector. O obxectivo é recoñecer a traxectoria profesional consolidada dun profesional da artesanía galega, a súa contribución á posta en valor e á promoción da nosa artesanía, e a calidade do seu traballo; así como o seu compromiso coa divulgación e coa transmisión pedagóxica dos principais valores positivos no eido da artesanía galega. O galardón está dirixido a artesáns en activo ou retirados que estean ou estiveran inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia e cunha actividade mínima e demostrable no sector de 20 anos. As candidaturas poderanas presentar obradoiros rexistrados, asociacións profesionais de artesáns de Galicia ou outras entidades públicas ou privadas.
Finalmente, o Premio Bolsa Eloy Gesto está dotado con 4.000 euros para investir nun centro de formación de prestixio. Nesta categoría, a Xunta busca potenciar o relevo xeracional no sector, o acceso de novos talentosá artesanía e a súa profesionalización. Premiarase a candidatura que presente unha proposta para a súa formación nun centro formativo ou nun obradoiro artesanal de referencia no eido da artesanía e do deseño. Valorarase o carácter innovador do proxecto, a transferencia de coñecemento que se pretende acadar con esa formación, a incorporación das novas tecnoloxías, o currículo da persoa candidata e a potencialidade de incorporación desta formación para a elaboración dun produto artesanal innovador. Tamén se terá en conta o grao de madurez, a calidade na presentación da proposta, así como a colaboración entre distintas actividades artesanais. Nesta categoría poderán participar todos os artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia cunha idade máxima de 40 anos no ano 2020.