A exposición da economía galega ao Brexit, outro dos temas que se debaterán
A política tarifaria da AP9, a debate no encontro anual do Foro Económico de Galicia
Máis de 60 economistas, empresarios e expertos en comunicación participan este xoves e venres na Toxa nunha xuntanza do Foro Económico de Galicia para abordar asuntos de actualidade que afectan de cheo ao desenvolvemento económico de Galicia
Un intenso programa que arrancará coa presentación do informe sobre a exposición da economía galega á incerta deriva na saída de Gran Bretaña da Unión Europea, o Brexit. Un amplo estudo dirixido polo economista e ex presidente da Xunta de Galicia, Fernando González Laxe.
Esta mesa contará co testemuño directo de representantes de dous dos sectores que máis poderían verse afectados polo Brexit, o téxtil e o pesqueiro. Adriana Domínguez, CEO de Adolfo Domínguez e Juan Manuel Vieitez, de ANFACO, serán os comentaristas do primeiro debate do día.
AP 9
A sesión da tarde estará adicada ao espiñento tema das infraestruturas viarias e -de maneira particular- á situación de Galicia, onde a AP9 xoga un papel transcendental para a articulación territorial.
Tamén nesta mesa abordarase a dificultade de establecer criterios para o investimento de fondos públicos, moitas veces en situación de confluencia de intereses políticos e económicos diversos e moitas veces enfrontados.
Asimesmo farese fincapé na fixación de prezos das infraestruturas construídas. A presentación correrá a cargo de Mar González Savignat, da Universidade de Vigo, César Canal, de Audasa, e Manuel Lago, de CC.OO. O catedrático Antón Costas da Universidade de Barcelona será o moderador.
Xornada do venres
O venres os asistentes poderán escoitar ao presidente da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, José Luis Escrivá e de seguido o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago Peñas, presentará o grupo de traballo Galicia 2040. Nesta mesma sesión o conselleiro de Medio Rural, José González, expoñerá as estratexias a longo prazo para este sector en Galicia.
Este intenso programa rematará coa conferencia de Ana José Varela, directora de finanzas da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento (OCDE). Ana José Varela leva dous anos en Paris á fronte dun equipo de cen persoas. A súa intervención estará centrada no Informe da OCDE para España e sobre as desigualdades económicas entre as rexións.
O profesor Patricio Sánchez pechará o encontro cun balance das dúas xornadas de debate