XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, o 28 de xuño, en Santiago
O CPEIG premia a Carlos Vázquez Mariño e os talleres e axudas á dixitalización do Igape
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de dar a coñecer dous dos premios que entregará o próximo 28 de xuño no transcurso da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) concede este ano o Premio Traxectoria Profesional da XI Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia ao director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Amtega, Carlos Vázquez Mariño. Pola súa banda, o Premio Iniciativa da Administración recae no programa de “Talleres e Axudas á Dixitalización”, promovido polo Igape.
A gala máis importante da informática de Galicia celebrarase o vindeiro 28 de xuño no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela. Os premios da Noite corresponden a dez categorías onde os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da enxeñaría en informática.
Carlos Vázquez Mariño
Coa concesión do premio a Carlos Vázquez Mariño, o CPEIG quere poñer de manifesto a relevancia da profesión informática nos máis altos niveis de decisión e a figura das enxeñeiras e enxeñeiros en informática como responsables da seguridade tecnolóxica nas distintas Administracións Públicas, empresas e outras entidades.
Carlos Vázquez Mariño (Lugo, 1975) é licenciado con Grao en Informática pola Universidade da Coruña, con cualificación de sobresaínte na súa tesina de licenciatura. Iniciou a súa andaina profesional no sector privado en 1998, onde centroua súa actividade no desenvolvemento de proxectos web, entre os que destaca o inicio da Banca Electrónica dunha importante entidade financeira. En 2001 accedeu ao corpo de profesores de Ensinanza Secundaria na especialidade de informática. Desde 2009, centrou o seu labor na dirección e xestión, primeiro como subdirector xeral de Sistemas de Información da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e desde 2012 como director de Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Neste cargo, Vázquez Mariño é un dos responsables dos proxectos de transformación tecnolóxica nos ámbitos de educación, servizos sociais, emprego, medio ambiente, transporte, infraestrutura evivenda, agrogandeiro, forestal e domar.
“Talleres e Axudas á Dixitalización”
Co galardón aos “Talleres e Axudas á Dixitalización” do Igape, o CPEIG valora positivamente e mostra o seu apoio a esta iniciativa da Administración galega a través da certificación por expertos da adecuación das medidas desenvoltas para o progreso dos procesos produtivos da man da tecnoloxía. Así, o Igape concertou co CPEIG a realización de auditorías técnicas dos proxectos para comprobar que o que se está a desenvolver é consistente co aprobado no expediente da axuda. “Esta colaboración pon en valor o Corpo Oficial de Peritos do CPEIG e as competencias dos membros do colexio para a avaliación de proxectos tractores para a dixitalización deempresas de distintos sectores en Galicia” –indica o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A Xunta apoia a dixitalización da Industria 4.0 a través do desenvolvemento de talleres por parte de organismos intermedios para a xeración de proxectos colaborativos e unha liña de axudas á dixitalización. “Reforzamos a aposta por un modelo de peme 4.0, dixital, innovadora e exportadora, mediante os investimentos e a especialización en aspectos como o big data, a interconexión entre empresas, a aprendizaxe automática ou a dixitalización de procesos de traballo” –sinalan desde o Igape–.
A iniciativa busca facilitar ao tecido empresarial o coñecemento das tecnoloxías máis axeitadas e a súa implantación con garantías, apoiando a posta en marcha de sistemas informáticos nos catro ámbitos que teñen máis potencial para aportar valor ás empresas: os proxectos colectivos de soporte a procesos sectoriais multiempresa, os proxectos individuais de conectividadeinterempresarial, de conectividadeintraempresarial e de intelixencia artificial. O Igape prevé apoiar con este programa a 500 compañías a través de axudas que ascenden aos 5 millóns de euros e que prevén movilizar máis de 13 millóns de euros na presente convocatoria.