2ª edición do Pitching TFG

O novo talento preséntase ante o tecido audiovisual galego

Santiago acolleu o pasado venres, día 14, a 2ª edición do Pitching TFG (Traballos Fin de Grao), organizada polo Clúster Audiovisual Galego, en colaboración coas tres universidades galegas a través das facultades de Comunicación Audiovisual.

O novo talento preséntase ante o tecido audiovisual galego
Participantes no Pitching TFG.
Participantes no Pitching TFG.

Durante a xornada presentáronse 16 proxectos diante de empresas dos sectores audiovisual e TIC. 

A apertura deste foro, celebrado, co apoio do Igape, no Centro Abanca Obra Social de Compostela, correu a cargo do presidente do Clúster Audiovisual Galego, Jorge Algora, e do responsable do programa startups R DICo Challangue, Alberto Costas, iniciativa colaboradora coa segunda edición do Pitching TFG. 

Esta xornada buscou poñer en valor o novo talento audiovisual e conectalo co tecido empresarial galego. Ao igual que na edición anterior, os responsables dos proxectos tiveron a oportunidade de testar os seus traballos co sector e puideron coñecer as valoracións dos produtores respecto dos mesmos. 

Nesta edición as entidades académicas seleccionaron un total de 16 Traballos Fin de Grao das Universidades da Coruña, Vigo e Santiago de Compostela. Entre os proxectos seleccionados, en diferentes fases de desenvolvemento, había diversos formatos de cine e televisión, como programas, series ou documentais, e tamén dixitais, como videoxogos ou apps. 

Colaboración de startups R 
 
Nesta segunda edición, contouse coa colaboración especial do operador de telecomunicacións R, mediante o seu programa startups R DICo Challangue, a través do cal busca impulsar a innovación e as iniciativas emprendedoras. 
 
Froito desta colaboración, startups R convidou aos mellores proxectos da xornada a participar nun obradoiro de emprendemento que terá lugar no seu espazo, na Cidade da Cultura, en febreiro de 2019. Neste obradoiro, os participantes recibirán formación para mellorar as súas presentacións tipo pitch e definir o modelo de negocio das súas propostas, segundo explicou Alberto Costas.
 
No pitching, os responsables dos traballos contaron con 8 minutos para intentar captar o interese do auditorio, conformado por representantes dalgunhas das empresas máis destacadas dos sectores audiovisual e TIC galegos, como Adiviña Producións, Agallas Films, Congo Producciones, CTV, Ficción Producciones, Filmax, Imaxin Software, Productora Faro, R e Zenit Televisión. 
 

Ademais, esta segunda edición incluíu un speed dating no que os representantes dos traballos dispuxeron dun espazo de tempo para falar con cada unha das empresas participantes. A través destas reunións facilitouse un contacto directo no que os mozos tiveron ocasión de aportar información adicional e os produtores, etc. a súa opinión sobre o proxecto, ademais de fomentar a posible continuidade futura do contacto entre ambos. 
 
 

O novo talento preséntase ante o tecido audiovisual galego