O programa do certame alcanza as 40 actividades
As novidades da PAC, na feira Abanca Cimag-GandAgro 2023
Máis de corenta conferencias, concursos, demostracións e degustacións de produtos agroalimentarios conformarán o programa da IV Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2023, que terá lugar do xoves 2 ao sábado 4 de marzo na Feira Internacional de Galicia Abanca, en Silleda.
As conferencias converterán a Cimag-GandAgro 2023 nun atractivo foro de análise e coñecemento. Así, acollerá o XXV Monográfico de Gando Porcino e as Xornadas de Cunicultura, ademais de conferencias sobre nutrición animal e manexo para a redución de medicación en gandería, valorización de xurro, xeración de enerxía térmica e eléctrica a partir de residuos avícolas, redución de consumo enerxético dunha explotación, transformación de sistemas clásicos de explotacións a un agroecosistema sostible e san, particularidades sobre razas gandeiras, agricultura 4.0 e tamén as principais novidades da campaña da PAC 2023.
Este último tema sobre Política Agraria Común abordarase nunha xornada organizada por Abanca e conducida por José Luis Acción, xefe de servizo de Axudas Agrícolas da PAC, Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA) da Xunta de Galicia.
Os concursos tamén contarán con gran importancia na feira, celebrándose os morfolóxicos XXXVI Open Internacional e XXXI Autonómico da Raza Frisoa, coa participación de 165 exemplares de Galicia, Cantabria, Asturias, Cataluña, País Vasco e Castela e León; XIV Concurso Internacional de Preparadores de Gando e XXXVI Concurso de Xóvenes Manexadores. Así mesmo, levaranse a cabo dous concursos que premiarán innovacións tecnolóxicas que redunden na mellora do rural e na optimización das súas explotacións e recursos, o Abanca GandAgro Innova e o Máquinas Destacadas.
Ademais, no ring do recinto realizaranse diversas demostracións de agricultura 4.0, centradas en sincronización de máquinas e autoguiado.
Serán un cento de expertos de distintos ámbitos dos sectores da maquinaria, a agricultura e a gandería os que conduzan ou participen na realización das actividades.
Participación activa de Medio Rural
A Consellería do Medio Rural, membro do comité organizador de Abanca Cimag-GandAgro, participará activamente no seu programa de actividades, sumando interesantes propostas.
No campo formativo celebrará unha xornada, organizada pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, para a incorporación de persoas mozas ao rural. Esta formación, que se materializará o xoves, 2 de marzo, ás 10:00 horas, versará sobre os principais fitos na execución do Plan empresarial e a xustificación da concesión das achegas de incorporación de persoas mozas á actividade agraria. Tamén se incluirán temas como o novo regulamento no sector agrario, cadernos de explotación e incorporacións de éxito no medio rural, entre outros.
Ademais, por parte da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, levarase a cabo unha Aula de Experiencias de Calidade, na que se desenvolverán catro sesións gastronómicas con produtos galegos con indicativo de calidade: Ternera Gallega, Lacón Gallego e os catro queixos con denominación de orixe –isto é, Cebreiro, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Queixo tetilla–. As sesións repetiranse diariamente todos os días da feira cunha duración aproximada dunha hora, acompañadas de viños galegos con denominación de orixe e pan das indicacións xeográficas protexidas Pan Galego e Pan de Cea.