Aberto o prazo de presentación de candidaturas ata o 31 de maio
Nova convocatoria dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (Gain), convoca os Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019 que nesta quinta edición reformula as súas modalidades para que grupos de investigación e empresas teñan un mellor recoñecemento ás súas prácticas neste ámbito.
Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Axencia Galega de Innovación (Gain) colaboran na organización deste certame que recoñece casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía e, en particular, entre a comunidade investigadora e empresarial.
Nesta quinta edición entregarase o premio “Francisco Guitián Ojea”, que está dirixido a grupos de investigación que, a través do seu labor en I+D aplicada, desenvolveran unha tecnoloxía susceptible de ser aplicada ao sector empresarial pero que aínda non fose transferida. A dotación do premio ascende a 6.000 euros e pode presentarse calquera grupo, coa única condición de que estea adscrito a un centros tecnolóxico ou de investigación ubicado en Galicia.
No caso do premio “Fernando Calvet Prats”, recoñecerase o traballo dun grupo de investigación no que a tecnoloxía creada fose xa transferida con éxito ao sector empresarial. Os destinatarios son, igual que na modalidade anterior, grupos radicados en Galicia e a dotación é tamén de 6.000 euros.
O premio “Ricardo Bescansa Martínez” busca o caso de éxito máis representantivo de innovación empresarial acadada a partir da transferencia de tecnoloxía. Poden concorrer empresas de calquera tamaño –galegas ou cun centro de traballo radicado en Galicia– que acrediten innovacións procedentes da adquisición dunha patente, dun proxecto conxunto con un ou varios grupos de investigación ou outro mecanismo calquera de transferencia. A dotación do galardón ascende tamén a 6.000 euros.
Ata o 31 de maio o prazo de presentación de candidaturas aos Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia 2019, cuxas bases están dispoñibles nas webs da RAGC e da Gain.