Impulsados por Gain e Bioga
Nanoimmunotech e Phycosem Marine Agronomy gañan os VI Premios Bioga
A Axencia Galega de Innovación (Gain) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) entregaron este venres na Coruña a sexta edición dos Premios Bioga.
Os galardoados nas dúas categorías foron Nanoimmunotech, empresa referente no sector da nanobiotecnoloxía con sede en Vigo, Zaragoza e Madrid, na categoría de Premio á empresa biotech máis competitiva; e Phycosem Marine Agronomy, spin-off da Universidade da Coruña con sede en Oleiros dedicada á produción e reprodución de macroalgas, como Premio á mellor idea empresarial biotech.
Na primeira modalidade, destinada a firmas cunha traxectoria empresarial xa consolidada, o xurado destacou da empresa Nanoimmunotech a súa capacidade para captar fondos europeos, a súa gran expansión internacional, os elevados recursos dedicados a I+D, así como a súa competitividade e crecemento do seu cadro de persoal. Na segunda modalidade, que se premian proxectos innovadores ou empresas de recente creación que aposten por revolucionarios produtos ou servizos, Phycosem Marine Agronomy foi seleccionada polo seu alto potencial de comercialización, os seus escasos competidores, a valorización dos recursos naturais galegos e a súa oferta de tecnoloxía lista para ser comercializada.
A biotecnoloxía, un sector consolidado
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, interviu na apertura do acto felicitando aos premiados, destacando as boas cifras do sector da biotecnoloxía galega e os resultados da Estratexia de Impulso á Biotecnoloxía que impulsa a Xunta de Galicia en colaboración co sector. Chegado ao seu ecuador, máis do 80% das accións previstas foron postas en marcha; máis de 300 proxectos apoiados; 107 millóns de euros mobilizados -máis do 50% do total previsto-; máis de 30 millóns de euros de capital privado investido; 11 empresas novas creadas e 125 empregos cualificados; e un 90% do obxectivo de facturación anual das empresas do sector acadado.