Este 26 de outubro, en Santiago
Nace o Foro CIOs Galicia 2023
O Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia e Cionet, a maior comunidade de líderes dixitais de Europa, poñen en marcha o Foro CIOs Galicia 2023 coa intención de converterse no espazo de debate recorrente de líderes dixitais da Galicia.
O Foro CIOs Galicia, que se celebrará este xoves, 26 de outubro, en Santiago de Compostela, e que conta co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, nace para tratar cuestións tecnolóxicas e desafíos das tecnoloxías da información co obxectivo de construír un espazo de reflexión e aprendizaxe de boas prácticas e coñecemento compartido.
Á súa inauguración asistirán Julián Cerviño Iglesia, director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia; Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia e Bruno Méndez Rodríguez, CEO de Cionet España e Latinoamérica.
Suárez sinalou que “o obxectivo é que o foro sexa un punto de encontro permanente no tempo, coa idea de celebrar varias xornadas abertas durante o ano para que poidan participar empresas referentes”.
O encontro, coa participación de CIOs e líderes dixitais, está dirixido ao persoal directivo do ecosistema dixital galego constituíndo, ademais, na 1ª Sesión de Foro CIOs Galiza, un espazo de debate con ánimo de continuidade para os principais CIOs e C-Level tecnolóxico da rexión.
Durante o foro celebrarase tamén un simposio sobre tecnoloxía e prioridades dixitais que leva por título “Navigating the Digital Era”, onde se explorarán cuestións relacionadas coas prioridades da administración pública, os desafíos aos que se enfrontan os CIOs no ecosistema dixital actual, os modelos organizativos a partir da experiencia de Abanca nos seus procesos de integración, a utilización da tecnoloxía para a descuberta do talento e os avances en transformación dixital, entre outros.
Pola súa banda, CIONET Iberoamérica é a maior comunidade de líderes tecnolóxicos de Europa e Iberoamérica centrada no desenvolvemento profesional e liderado dos seus membros, proporcionándolles un espazo de relacións entre membros de diferentes países e comunidades continuas e en profundidade.
Neste sentido, Bruno Méndez destacou que “en CIONET, recoñecemos a importancia de promover a colaboración e o intercambio de coñecementos entre os líderes de tecnoloxía da información en toda España. Por este motivo, este Foro CIOs Galiza representa o noso compromiso firme de incorporar este espazo de debate á oferta que despregamos por toda a xeografía española e que sexa un catalizador efectivo para o intercambio de coñecementos e a innovación no ámbito da tecnoloxía da información”.