Esta cita multisectorial centrada na liquidación de stocks está prevista entre o 9 e o 11 de abril
A Mostra da Oportunidade regresará a Expourense en abril, se a situación sanitaria o permite
Esta foi a principal conclusión da reunión mantida entre a dirección da Fundación Expourense e as xerencias das asociacións dos centros comerciais abertos de Ourense Centro, Verín, O Carballiño e O Barco de Valdeorras, ademáis de comerciantes de Allariz.
A de abril de 2021 sería a 25ª edición da Mostra da Oportunidade , unha cita multisectorial especializada na liquidación de stocks que estimula a participación do comercio local facilitando a presentacióndos seus produtos e servizos ante novos clientes, diferentes aos da súa área influencia habitual. É ademais unha plataforma de promoción da calidade tanto do produto como da atención ao cliente do comercio ourensán, xa que a meirande parte dos expositores adoitan proceder desta provincia.
A Mostra da Oportunidade, feira decana destas características en Galicia, volverá a petición de representantes deste sector,que ven nesta cita unha excelente ocasión para a liquidación dos seus stocks e para dinamizar as vendas dun comercio local que atravesa por momentos complicados.