Xornada técnica “Perspectivas de futuro para o sector mineiro”
A minería galega agarda que a Lei de implantación empresarial permita xerar máis de 800 novos postos de traballo no sector
A Lei de implantación empresarial, que entrará en vigor este martes, significará a creación de 800 novos postos de traballo no sector mineiro e contribuirá ao crecemento do PIB galego en máis de 156 millóns de euros.
A xornada técnica para analizar as perspectivas de futuro do sector mineiro galego celebrouse este mércores na sede da Confederación Empresarial de Ourense. O foro, promovido pola Cámara Oficial Mineira de Galicia, o Clúster da Pizarra, o Clúster do Granito e a Asociación Galega de Áridos, analizou particularmente as repercusións da nova Lei de implantación empresarial, que o sector mineiro estima contribuirá á súa dinamización cun crecemento estimado do 23%. Na actualidade, a minaría achega un 1,05% do PIB galego e xera máis de 5.000 empregos directos na Comunidade
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, que foi o encargado de inaugurar o for, aludiu a que a Lei recentemente aprobada polo Parlamento galego persegue, entre outras cuestións, consolidar o sector mineiro galego. A Lei de implantación empresarial, segundo considerou Tahoces, vai permitir implantar un procedemento administrativo pioneiro e moi avanzado, que abranguerá de xeito integral, todas as actuacións necesarias para o desenvolvemento da actividade.
Xunto a isto, destacou que o novo texto legal favorecerá a sustentabilidade ambiental da actividade. Paralelamente, a norma fomentará o cumprimento dos principios de publicidade e concorrencia porque permite, unha vez que caduquen os dereitos mineiros, que se abra un prazo dun mes para que calquera empresa poida presentar a súa solicitude de cara a desenvolver actividade mineira neles.
Doutra banda, o catedrático da Escola de Enxeñería de Minas da Universidade de Vigo, Javier Taboada Castro, cualificou como “moi interesante” o novo texto legal, xa que “facilita e aclara os trámites administrativos para poder realizar a explotación de minas na Comunidade”. Taboada Castro salientou o feito de que “establece un procedemento de outorgamento de dereitos mineiros integral ao validar como autorizacións administrativas os informes preceptivos realizados polas administracións que participaron na tramitación mineiro” ao tempo que “estipula que o procedemento de outorgamento non comeza ata obter a certificación municipal sobre a natureza do solo”.
A xuízo do catedrático, a nova lexislación defende que a necesidade de urxente ocupación de terreos se modulará durante toda a vida do xacemento
de forma coordinada co avance da explotación, e que o aval de restauración se axustará tamén coa planificación desta. Finalmente cualificou de "avance cualitativo" que "os concursos de dereitos mineiros caducados se fagan inmediatamente despois da súa caducidade".
Pola súa banda, o catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, Luís Míguez Macho, que destacou que a nova Lei “pretende facilitar o acceso ao solo empresarial e simplificar os procedementos administrativos que afectan ao desenvolvemento das actividades empresariais, para facer máis sinxelo e atractivo o feito de que estas iniciativas se poidan implantar en Galicia”.
Luís Míguez tamén fixo unha reflexión sobre as novidades que este texto achega ao réxime xurídico da actividade mineira. Neste sentido, destacou que “introduce un procedemento integrado para que se poidan obter, nunha soa tramitación, todas as autorizacións necesarias para desenvolver as actividades extractivas, ao tempo que garante a participación de todos os interesados mediante o trámite de información pública".
Ademais, “regúlanse con detalle os procedementos expropiatorios necesarios para o desenvolvemento das actividades extractivas, con especial atención á tutela dos afectados e mellórase a integración do estudo de impacto ambiental nos procedementos de outorgamento de dereitos mineiros”.
O catedrático de Dereito Administrativo da USC subliñou tamén que a Lei de implantación empresarial introduce “novas garantías para asegurar a rehabilitación dos espazos afectados pola actividade mineira".
Finalmente, Luís Míguez valorou o novo texto legal na medida en que “supón un esforzo considerable da Comunidade galega por revisar boa parte da normativa aplicable ao solo industrial e ao desenvolvemento de actividades produtivas, co fin de eliminar burocracia e simplificar os trámites administrativos.
Mesa redonda
A xornada técnica tamén incluíu unha mesa redonda na que participaron as alcaldesas de Carballeda de Valdeorras e do Porriño, dous municipios onde o peso da actividade mineira é moi importante, e o rexedor de Sandiás, concello que destaca na produción de áridos.